Un dos terroristas detidos admite que preparaban un atentado con explosivos

A explosión no chalet de Alcanar ao manipular as bombonas de gas tería levado á célula jihadista a despregar un plano B, o de atentar contra a multitude cunha furgoneta e con armas brancas.

Furgoneta ataque terrorista en Barcelona. 17 de agosto de 2017.
photo_camera A furgoneta ficou parada no mosaico de Joan Miró após atropelar a multitude nas Ramblas

O testemuño oferecido esta terza feira perante a Audiencia Nacional por Houli Chemlal, de 21 anos, confirmaría as teses que xa manexaba a equipa investigadora dos Mossos: o plano A da célula terrorista era un atentado en Barcelona de envergadura, con explosivos.

A explosión producida pola impericia dos terroristas no chalet de Alcanar frustrou os seus planos -ao chamar a atención dos servizos de emerxencia e bombeiros sobre o chalet- e obrigounos a mudar de planos. Foi entón cando decidiron realizar un atentado de menor escala, con furgoneta e armas brancas, segundo tería confesado Chemlal na súa declaración perante o xuíz Fernando Andreu.

Dos doce integrantes da célula jihadista oito foron abatidos por disparos dos Mossos e outros catro foron detidos. Estes son os que están a prestar declaración perante a Audiencia Nacional. Segundo fontes da Fiscalía consultadas por NacióDigital, os catro están asistidos por avogados de oficio e ningún deles precisa intérprete, sendo que se expresan perfeitamente en castelán.

Até o de agora, teñen permanecido incomunicados entre si -para non partillaren información- e esta situación de incomunicación é a que lles impede tamén ter acceso, no actual momento procesal, a un avogado de confianza.

A Fiscalía pede prisión incondicional e sen fianza para Chemlal, terrorista que resultou ferido na explosión de Alcanar e que foi detido no Hospital de Tortosa.

Comentarios