CUP ataca Rajoy e Felipe VI pola súa relación de amizade con "aqueles que financian o Daesh"

A Candidatura D'Unitat Popular anuncia que si estará este sábado na manifestación en Barcelona que convocan concello e Generalitat de Catalunya no Passeig de Gràcia (18 h) baixo o lema de No tinc por (non teño medo).

CUP
photo_camera Un momento da conferencia de imprensa da CUP

Despexada a incógnita. A independentista CUP si estará na marcha axendada para este sábado (chegou a condicionar a súa asistencia a non presenza na manifestación do chefe do Estado español), mais en nengún momento cesa nas súas críticas ás autoridades españolas. De feito, nunha conferencia de imprensa no Parlament, a deputada Mireia Boya puxo directamente no albo das súas censuras Mariano Rajoy e Felipe VI. Destarte, criticou o feito de que moi probabelmente acudan á convocatoria cando "os dous son tamén responsábeis dos ataques, polas relacións de amizade con aqueles que financian e doan axuda e armas ao Estado islámico".

Boya convocou os meios para esclarer que a CUP estará presente na marcha. "Sen nengún tipo de dúbida, a CUP estará acarón da xente o sábado. Seremos un máis nos actos que terán lugar en Barcelona e Ripoll. Sempre estaremos acarón da xente e queremos estar nas rúas. Estaremos".

En todo caso, a forma en que a CUP finalmente participe na marcha, esclareceu a parlamentar cupaire, "decidirémola apartir do resultado do diálogo entre entidades e institucións".

O que está fóra de cuestión é que a primeira ringleira da marcha a ocupará unha representación dos corpos e entidades que atenderon as vítimas após os atentados, en tanto que as forzas políticas e as autoridades públicas estarán nun segundo plano.

Comentarios