Soben a 7.000 as mortes en Libia polas chuvias con 10.000 desaparecidos

36.000 persoas ficaron desprazadas polo fenómeno climático.
Danos causados polas inundacións en Derna, Libia. (Foto: Xinhua News via Europa Press)
photo_camera Danos causados polas inundacións en Derna, Libia. (Foto: Xinhua News via Europa Press)

No mínimo 6.872 mortes e máis de 10.000 persoas desaparecidas, este é até o de agora o balance de vítimas despois do paso por Libia do ciclón tropical Daniel, informou esta cuarta feira Mohamed al Manfi, que lidera o Consello Presidencial.

A localidade máis afectada foi Derna, arrasada por unha inundación intensificada ao estoupar dous encoros, que envorcaron 33 millóns de litros de auga na urbe. O Executivo do leste de Libia, que comparte o territorio co Goberno do oeste, con sede en Trípoli, contabilizou 5.300 mortes só na cidade.  Salah Aboulgasem, de Axuda Islámica, adiantou que agardan que o número de decesos "se duplique, senón se cuadriplica", e narrou que 30% da localidade, de 125.000 habitantes, "desapareceu por completo".

Pola súa parte, a Organización Internacional para as Migracións comunicou que 30.000 persoas están desprazadas en Derna, unha situación que tamén afecta máis de 6.000 libias e libios no resto de áreas damnificadas.

Amais de responsabilizar o Goberno do leste, a poboación confía en que o desastre poida axudar a superar a división do país en dous Executivos e ducias de grupos armados con control territorial, indica Al Jazeera, que destaca unha mobilización non vista no país en máis dunha década para responder ás inundacións.

No que atinxe a Marrocos, que padeceu un terremoto de magnitude 6,8 na escala de Richter na noite da sexta feira ao sábado, comezou o regreso de parte dos equipos de rescate internacionais, ao considerar que xa non era posíbel atopar máis superviventes. Hai arredor de 3.000 decesos confirmados polo movemento de terra.

Comentarios