Pedro Sánchez volve ao Congreso esta semana no medio da crise do PSOE polo caso Cerdán
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, reaparecerá esta cuarta feira no Congreso para responder ás preguntas dos grupos parlamentarios, nunha sesión marcada pola dimisión de Santos Cerdán e a sacudida interna no PSOE tras o estoupido do caso Koldo.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, responderá esta cuarta feira, 19 de xuño, ás preguntas dos grupos parlamentarios no Congreso, despois de que fora adiada a conferencia da ONU prevista para a próxima semana en Nova York, á que tiña pensado asistir.
O Executivo español trasladou xa esta modificación aos grupos parlamentarios, que poderán presentar as súas preguntas dirixidas ao presidente esta mesma segunda feira.
A sesión parlamentar estará previsibelmente centrada na crise interna que atravesa o PSOE tras a dimisión do até agora secretario de Organización, Santos Cerdán, despois de que saíse á luz un informe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil que o vincula co cobro de comisións ilegais no marco do 'caso Koldo'.
Pola súa parte, a vicepresidenta do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, asegurou este domingo sentirse "profundamente traizoada" e "moi doída" polo comportamento de Santos Cerdán, quen anunciou a súa intención de entregar a acta de deputado esta segunda feira. Se se confirma, xa non formará parte do Congreso na sesión de control desta semana.
A pasada quinta feira, Pedro Sánchez compareceu en rolda de prensa desde a sede do partido socialista para pedir "perdón" á cidadanía e asegurou que até esa mañá estaba "convencido" da "integridade" do que fora número tres do PSOE. O presidente declarou sentirse "moi decepcionado" e "indignado" e anunciou a posta en marcha dunha auditoría interna das contas do partido, así como unha reestruturación da Executiva Federal, que se fará efectiva no Comité Federal convocado para o 5 de xullo en Sevilla.
'Caso Koldo'
Pedro Sánchez acudirá ao Congreso para someterse á sesión de control nun momento especialmente delicado para o PSOE. Santos Cerdán, até hai poucos días número tres do PSOE e un dos homes de confianza de Pedro Sánchez, aparece nun informe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil vinculado ao 'caso Koldo', unha trama de presunto cobro de comisións ilegais. A súa relación co caso vén pola súa proximidade a Koldo García, ex asesor do ex ministro de Transportes, José Luís Ábalos, epicentro da investigación. Cerdán foi quen avalou e impulsou o ascenso de Koldo dentro da engrenaxe socialista, e mantiña contacto directo con el durante o período baixo sospeita.
Mentres Ábalos se resistiu a abandonar o escano —e aínda hoxe segue sendo deputado no Grupo Mixto—, Cerdán optou por dimitir de todos os seus cargos e anunciou que entregará a acta parlamentaria esta semana. A situación reforzou as críticas á xestión interna do PSOE e obrigou Sánchez a reaccionar: anunciou unha auditoría das contas do partido e unha reestruturación da dirección federal que se concretará no Comité Federal previsto para o 5 de xullo en Sevilla, ao tempo que rexeitou adiantar as eleccións estatais, mostrándose convencido de esgotar a lexislatura, até 2027. Con todo, estas medidas foron cualificadas como "insuficientes", tanto pola oposición como polos grupos políticos que apoiaron Sánchez na súa investidura. A súa comparecencia desta cuarta feira no Congreso será o primeiro gran test político tras a caída de Cerdán.

