Os socialistas preparan cambios profundos na dirección para un novo ciclo político

O PSOE fecha filas no seu congreso con Sánchez

O Partido Socialista Obreiro Español arrancou esta sexta feira en Valencia o seu 40 congreso. Unha cita que chega após a renovación do Goberno impulsada por Sánchez no mes de xullo e tenta aliñar ao partido nesa mesma onda. A preparación da organización para o próximo ciclo electoral é un dos aspectos chaves do conclave.

1
photo_camera Acto de apertura do congreso do PSOE. (Foto: Nós Diario)

O PSOE reúnese desde a sexta feira até o domingo en Valencia con tres obxectivos centrais. Primeiro, rematar de curar as feridas no interior da formación, após anos de tensión interna e fortes choques entre o aparato de Ferranz e as organizacións territoriais. Segundo, preparar o partido para o novo ciclo electoral que se inicia cos vindeiros comicios locais e tentar recortar distancias co Partido Popular, a quen a  totalidade das sondaxes, agás as do CIS, sitúan como primeira forza. E por último, proceder a unha renovación da dirección Executiva, co fin de axustar o partido as mudanzas acometidas no Goberno do Estado no mes de xullo.

A militancia socialista dá por feito unha ampla renovación na dirección. Neste sentido, asúmese que a Executiva vai reducir a súa composición, sendo poucos os nomes que se manteñan nas súas responsabilidades. Entre estes, dáse por feita a continuidade como presidenta do partido de Cristina Narbona, como vicesecretaria xeral de Adriana Lastra e como secretario de Organización de Santos Cerdán, substituto do defenestrado José Luís Ábalos.

Outros compañeiros de Sánchez de primeira hora que van seguir na dirección son o andaluz Alfonso Rodríguez Gómez de Celis e de Javier Izquierdo, porén agárdase unha mudanza nos seus cargos.

A nova Executiva vai estar conformada por persoas da máxima confianza de Sánchez pero tamén se espera a incorporación de persoas propostas polos baróns territoriais . Así, entre os primeiros gaña forza a directora adxunta do gabinete do presidente, a xurista Llanos Castellanos ou o candidato á presidencia da Xunta de Andalucía, o alcalde de Sevilla, Juan Espadas. Por outra parte, da cota territorial agárdase a presenza do presidente de Estremadura, Guillermo Fernández Vara e mesmo do barón valenciano, Ximo Puig. Na mesma liña, asúmese a entrada de alternativas suxeridas polo aragonés, Javier Lambán e polo manchego, Emiliano García Page.

A delegación galega

Os membros da delegación galega no congreso consultados por Nós Diario non se atreven a adiantar nomes de militantes do PSdeG presentes na nova Executiva. A este respecto, representantes dos distintos sectores do partido sinalan que calquera nomeamento vai ser interpretado en chave do proceso interno da Galiza, algo que desde o aparato de Ferranz queren evitar.

A maiores de Abel Caballero, membro nato da Executiva pola súa condición de presidente da FEMP, poderíase integrar na dirección, o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, aliñado nas primarias con Valentín Formoso e que segundo moitas opinións é o candidato preferido por Sánchez para concorrer á presidencia da Xunta da Galiza.

As sesións congresuais vanse desenvolver en pleno e comisións. Precisamente, a estas últimas tócalles resolver as miles de emendas aos relatorios presentados polas distintas agrupacións e federacións. Un bloque importante delas refírense á forma de Estado e demandan unha posición do partido a favor da república, na liña do defendido en anteriores conclaves desde as xuventudes da organización e desde Esquerda Socialista, que volven a propor o debate a este 40 congreso do partido. Porén, os autores da tese  oficial están convencidos que a alternativa non vai contar co 20% dos votos necesarios para pasar ao pleno.

O proceso congresual do PSOE que remata o domingo en Valencia é entendido pola práctica totalidade dos socialistas como un feche de filas arredor de Pedro Sánchez. Se nas dúas edicións pasadas Sánchez vai acceder á secretaria xeral nun contexto de forte conflito, nesta ocasión chega ao conclave sen fendas no partido e desde a posición de privilexio que dá ocupar a presidencia do Goberno do Estado.  

Comentarios