Sánchez carga contra a ultradereita no Europarlamento e tras o seu discurso irrompen os ladridos dun can

Ana Miranda, do BNG, defende que "hai outra Europa posíbel".

Pedro Sánchez, hoxe, no Parlamento Europeo. (Foto: Álex Flores / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, hoxe, no Parlamento Europeo. (Foto: Álex Flores / Europa Press)

O mandatario español, Pedro Sánchez (PSOE), asegurou hoxe no Parlamento da Unión Europea (UE) que o semestre de Presidencia española do Consello da UE, que remata o 31 de decembro, foi “un éxito”, e destacou neste período o impulso a reindustrialización do bloque comunitario, nunha intervención na que lanzou unha alerta sobre as forzas de extrema dereita, que “repudian ou ignoran todos os avances logrados ao longo das últimas décadas”.

Sánchez incidiu en que non comparte este "pesimismo" e non comulga con este pensamento que tachou de "reaccionario". Admitiu que hai cousas que non funcionan e deben mellorar, pero lembrou que o continente non parou de facelo dede o final da Segunda Guerra Mundial e pola contra non hai ningún argumento "empírico" para pensar que non se vaia seguir esa tendencia de progreso.

Nesta mesma liña, afirmou que é a hora de mirar a futuro con ambición e sinalou que o desafío da UE non é evitar o seu declive nin resistir ao desenvolvemento doutras rexións do mundo, senón liderar unha "nova era de prosperidade global".

Pola súa parte, o presidente do Partido Popular Europeo, Manfred Weber, cuestionou o Proxecto de lei orgánica de amnistía, cuestionando que Junts, unha das forzas catalás coas que a pactou, criticara xuíces españois polo uso do sistema xudicial para perseguir opoñentes políticos.

"Tras case cinco minutos do presidente español atacándome, lémbrolle, señor Sánchez, que no meu país os socialdemócratas e os democristiáns sentamos para chegar a acordos, e que vostede rexeitou iso e preferiu aos extremistas", respondeulle Weber ao mandatario español.

Ao tempo, a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, defendeu que “hai outra Europa posíbel, a dos pobos que como o noso nunca lle foi ben nin o centralismo nin o fascismo”, denunciando o mal uso dos fondos da UE por parte do Goberno do Partido Popular na Galiza, que encabeza Alfonso Rueda.

A eurodeputada do BNG Ana Miranda nunha intervención hoxe. (Foto: Nós Diario)
A eurodeputada do BNG Ana Miranda nunha intervención hoxe. (Foto: Nós Diario)

Ademais, Miranda díxolle a Sánchez que "a nós teranos no lado democrático e antifascista, no da paz, da liberdade, da tolerancia, lonxe do insulto  da intransixencia, lonxe dos corruptos e dos discursos neofascistas que andan por Europa adiante". Neste sentido criticou "o show" que están dando a extrema dereita e a dereita na Eurocámara, "e aínda se vanglorian de demócratas!", apuntou, con ironía.

Un can, protagonista

A anécdota da sesión protagonizouna un can, cuxos ladridos irromperon fortemente no hemiciclo após a intervención da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e continuou a facelo mentres falaba Weber. As cámaras captaron Pedro Sánchez, aínda presente na sala, sorrindo mentres este can, que asistía unha persoa cega desde a tribuna de invitados, seguía ladrando.

Comentarios