Rusia afirma estar "aberta a dialogar con todos os países"

O portavoz do Ministerio de Defensa ruso, Ígor Konashénkov, nega que os seus militares teñan efectuado "ataque ningún con misís polo ar ou con artillaría nas cidades ucraínas".
Un proxectil que impactou na cidade ucraína de Kharkiv (Foto: Ukrinform / DPA).
photo_camera Un proxectil que impactou na cidade ucraína de Kharkiv (Foto: Ukrinform / DPA).

O Goberno ruso nega ter iniciado ataques contra a poboación civil en Ucraína, segundo afirmou esta quinta feira Ígor Konashénkov, portavoz do Ministerio de Defensa de Rusia. "De acordo co comandante supremo das Forzas Armadas da Federación Rusa, as Forzas Armadas lanzaron o 24 de febreiro unha operación militar especial para protexer as repúblicas de Donetsk e Lugansk", dixo, nun vídeo difundido por Russia Today.

"Agora grupos de tropas de Donetsk e Lugansk están loitando e enfrontándose ao inimigo, e unidades das forzas ucraínas seguen bombardeando o Donbass, con milleiros de vítimas civís", asegurou, ao tempo que negou que o Exército ruso estea a lanzar "ataque ningún con misís polo ar ou con artillaría contra cidades de Ucraína".

Segundo Konashénkov, "os gardas fronteirizos ucraínos non opuxeron resistencia ás unidades rusas e os informes dos servizos de seguridade indican que os soldados ucraínos están abandonando as súas posicións en masa e depondo as armas".

Aliás, acusou os medios de comunicación occidentais de difundiren "vídeos que escenifican baixas masivas de civís ucraínos" que, segundo o membro do Goberno ruso, serían "ataques de falsa bandeira" que terían como fin "meter medo" á poboación. "Non estamos a levar ataques contra as cidades e pobos ucraínos, e a poboación civil non corre perigo", concluíu.

Rusia, "aberta ao diálogo"

Por outra parte, a Federación Rusa afirma seguir "aberta a dialogar con todos os países", segundo declarou o ministro de Exteriores, Serguéi Lavrov, en declaracións recollidas pola axencia de noticias Sputnik.

O diplomático aseverou que as medidas que toma Rusia en Ucraína "buscan garantir a seguridade do país e do pobo ruso" e "marcan a fin da guerra que comezou hai oito anos".

Comentarios