Que está a acontecer após o inicio da operación militar rusa?

Ucraína confirma perto de 40 falecementos, incluídos dez civís, pola ofensiva militar do exército ruso. 
Soldado do exército ucraniano. (Foto: Diego Herrera / Europa Press)
photo_camera Soldado do exército ucraniano. (Foto: Diego Herrera / Europa Press)

As Autoridades de Ucraína confirmaron hoxe a morte de perto de 40 persoas, entre elas dez civís, como consecuencia da ofensiva militar lanzada por Rusia contra o país, incluídos preto de 20 mortos por mor dun bombardeo contra un posto militar en Odesa.
 
O asesor da Presidencia ucraníno Oleksiy Arestovich indicou que a grande maioría das vítimas son membros da Garda Fronteiriza, aínda que recoñeceu que hai "polo menos dez" civís mortos nos enfrontamentos.

O Ministerio de Infraestrutura ucraíno resaltou que até o momento foron evacuados máis de 3.000 cidadáns na rexión de Donbass. O Ministerio sinalou na súa páxina web que un total de 3.100 persoas "foron evacuadas de Donetsk e Lugansk". 

Por outra parte, apuntou que "o movemento de trens a Jarkov fica suspendido temporalmente". "Ademais, por motivos de seguridade, detívose o tráfico no tramo entre Volnovaja e  Pivdennodonbaska e evacuouse o persoal", concluiu no comunicado.

Putin insiste na operación militar

O presidente ruso, Vladímir Putin, anunciou hoxe ás 4 horas a súa decisión de realizar "unha operación militar especial" para defender Donbass. "Tomei a decisión de levar a cabo unha operación militar especial", declarou o mandatario durante unha mensaxe especial á cidadanía rusa, detallando que o obxectivo do operativo é "protexer as persoas que foron obxecto de abusos e xenocidio por parte do réxime de Kiev durante oito anos". En resposta, Ucraína anunciou que rompe as relacións diplomáticas con Moscova.

O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, informou tamén hoxe que os membros da alianza militar activaron os plans de defensa colectiva e afirmou que Moscova "fechou a porta" para alcanzar unha solución ao conflito pola vía diplomática.

A UE prepara "sancións masivas"

A Comisión Europea, a través da súa presidenta, Ursula Von der Leyen, acompañada do Alto Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, condenou a "agresión sen precedentes", ameazando coa imposición de "sancións masivas".

"Conxelaremos os activos rusos na UE e deteremos o acceso dos bancos rusos ao noso mercado financeiro", agregou Von der Leyen. Esta acción, segundo a comisaria, ten como obxectivo "cobrar un alto prezo na capacidade do Kremlin para financiar a guerra".

Comentarios