Vladimir Putin anuncia unha "operación militar especial" na Ucraína e comezan os bombardeos

As principais cidades ucraínas espertaron co son das sirenas que avisan do impacto de proxectiles.
Explosión en Kiev (Ucraína) este 24 de febreiro (Foto: ZUMAPRESS.com / Zuma Press / ContactoPhoto).
photo_camera Explosión en Kiev (Ucraína) este 24 de febreiro (Foto: ZUMAPRESS.com / Zuma Press / ContactoPhoto).

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, anunciou ás 4 horas unha "operación militar especial" na Ucraína, co obxectivo de protexer a poboación pro rusa do territorio do Donbass. Após a comparecencia institucional de Putin, o Goberno ruso pechou o espazo aéreo civil na fronteira con Ucraína, e comezaron a sucederse os primeiros bombardeos en varias zonas do país, incluída a capital, Kiev.

"As repúblicas do Donbass dirixíronse a Rusia con esta demanda de axuda", asegurou Putin, quen acusa as forzas do país veciño de cometer "abusos e o xenocidio" entre a poboación desta zona. O máximo dirixente ruso afirmou que se esforzarán en "desmilitarizar e desnazificar a Ucraína e levar ante a xustiza os que cometeron crimes sanguinarios contra persoas pacíficas, incluídos cidadáns rusos".

Polo de agora, as noticias que chegan desde Rusia falan de ataques a enclaves militares, especialmente o armamento antiaéreo das forzas ucraínas. O presidente da Ucraína, Volodimir Zelenski, respondeu ao homólogo ruso decretando a lei marcial, e afirmou que se Rusia intenta entrar no país, o exército defenderase. “Somos fortes, estamos preparados para todo, e ímolo superar. Somos a Ucraína.”

Zelenski tamén lamentou que Putin non respondese ao último intento de diálogo entre presidentes, e acusouno de non responder á chamada que este lle fixo na noite de onte. O presidente ucraíno dirixiu un mensaxe institucional á poboación de Rusia, na que lle pide que eviten a guerra entre ambos países.

Resposta dos Estados Unidos

Pouco despois de que Vladimir Putin anunciase o inicio da ofensiva na Ucraína, o Goberno dos Estados Unidos facía público un comunicado do seu presidente, Joe Biden, no que cualifica de "ataque inxustificado non provocado".

Biden, moi duro co seu homólogo, afirma que "só Rusia é responsábel da morte e destrución que comportará este ataque", e culpa do "baño de sangue" que se vai producir ás ansias de Putin de invadir a Ucraína.

"Estados Unidos e os seus aliados responderán de forma unida e decisiva. O mundo pasará contas con Rusia", concluíu o presidente estadounidense. Pola súa parte, na Unión Europea, varios países condenaron xa as accións de Rusia e avisaron de que o Consello de Europa "aprobará sancións moi duras" a Rusia.

Os servizos de intelixencia dos Estados Unidos, a CIA, filtrou en decembro do ano pasado que Putin estaba a organizar a invasión da Ucraína para os primeiros meses de 2022. Mesmo Biden chegou a afirmar que o inicio da ofensiva produciríase o pasado 16 de febreiro. 

Comentarios