Os conservadores gañan as eleccións en Finlandia e a extrema dereita fica en segundo lugar

Sanna Marin, política popular internacionalmente que se converteu na primeira ministra máis nova de Finlandia en 2019, admitiu a vitoria do seu rival antes de que terminase o escrutinio.
O lider dos conservadores finlandeses, Petteri Orpo, nunha imaxe de arquivo (Foto: Mikko Stig / Lehtikuva / dpa).
photo_camera O líder dos conservadores finlandeses, Petteri Orpo, nunha imaxe de arquivo (Foto: Mikko Stig / Lehtikuva / dpa).

A centrodereita gañou este domingo as eleccións parlamentarias en Finlandia, derrotando os socialdemócratas da saínte primeira ministra Sanna Marin e coa ultradereita en segunda posición.

Nunha contenda moi rifada (20,8% fronte a 20,1% e19,9 %) a Coalición Nacional de Petteri Orpo obtivo 48 do total de 200 escanos do Parlamento, por diante do Partido dos Finlandeses (de extrema dereita), con 46, e o Partido Socialdemócrata (SDP), con 43, segundo os resultados do cálculo de máis de 98% dos boletíns.

Sanna Marin, política popular internacionalmente que se converteu na primeira ministra máis nova de Finlandia en 2019, admitiu a vitoria do seu rival antes de que terminase o escrutinio.

"Parabéns ao vencedor das eleccións, parabéns á Coalición Nacional, parabéns ao Partido dos Finlandeses, a democracia falou", declarou, citada por AFP.

Agora, a Coalición Nacional debe iniciar negociacións para formar un Goberno de coalición no que deberá elixir entre o SDP ou o Partido dos Finlandeses, que bateu este domingo o seu récord electoral de 2011.

No últimos catro anos, o actual Goberno de coalición, composto polo SPD, o Partido do Centro (KESK), a liga Verde (VIHR), a Alianza da Esquerda (VAS) e o Partido Popular Sueco de Finlandia (SFP), enfrontouse á pandemia do coronavirus, á vez que apostou por romper co tradicional status neutral do país e incorporarse á OTAN, no medio da guerra entre Rusia e Ucraína.

Retos do anterior Goberno

A crise da Covid-19 e o conflito entre Kiev e Moscova, xunto coas sancións a Rusia fixo que o Goberno de Marin chocase cunha crise enerxética e a subida de inflación, que impactou o custo de vida dos finlandeses. A nación mesmo entrou en recesión técnica tras sufrir unha contracción de 0,6 % do PIB no cuarto trimestre do 2022 en comparación co período anterior.

Neste contexto, a oposición criticou Marin polo excesivo endebedamento, o que situou a estabilidade das finanzas públicas nun dos principais temas da campaña electoral.

Comentarios