Os Rolling fan vibrar o pobo cubano nun concerto histórico

Co saúdo de Mick Jagger, “Hola Cuba, buenas noches, mi gente de Cuba”, comezaba o multitudinario e histórico concerto dos Rolling Stones en La Habana.

rollins20
photo_camera [Imaxe: Cubadebate]

Por vez primeira en máis de 50 anos de vida artística, a Cidade Deportiva de La Habana acollía un concerto dos Rolling Stones. Un concerto gratuíto que atraeu milleiros de persoas –hai medios que informan da participación de un millón- procedentes de todas as partes da illa e mesmo xente doutros países da contorna.

Este recital sen precedentes en La Habana comezou co "Jumping jack flash", tema elixido polos Rolling para abrir os recitais da xira latinoamericana "Olé Tour" que encetou en Arxentina e continuou polo Uruguai, Perú, Colombia, Brasil e México. E continuou co “It’s only rock and roll”, canción que foi coreada polos milleiros de persoas.

Antes de lle dedicar "Angie" aos “cubanos románticos”, Jagger afirmaba que “sabemos que años atrás era difícil escuchar nuestra música, pero aquí estamos, tocando para ustedes en su tierra linda. Pienso que los tiempos están cambiando. Es verdad, ¿no?”. Tamén soou "Satisfaction" nun recital para o que quedaron curtos os adxectivos máis repetidos polos asistentes, de todas as idades, “excelente, fascinante, xenial, incríbel, impresionante...”. Con este concerto, os Rolling fechan a súa xira por Latinoamérica.

Comentarios