Rishi Sunak anuncia oficialmente a súa candidatura a primeiro ministro de Reino Unido

Faino após se reunir con Boris Johnson e non acadar un acordo para unha candidatura conxunta na carreira polo liderado do partido Conservador.
EuropaPress_4630421_16_august_2022_united_kingdom_inverurie_uk_conservative_party_leadership
photo_camera Rishi Sunak aspira ao cargo de primeiro ministro do Reino Unido. (Foto: Jane Barlow / PA Wire / dpa).

O ex ministro de Finanzas británico Rishi Sunak anunciou este domingo a súa candidatura á xefatura do Partido Conservador e, en consecuencia, ao cargo do primeiro ministro de Reino Unido, á espera de que o ex primeiro ministro Boris Johnson decida nas próximas horas se entra na carreira por suceder a Liz Truss.

"Reino Unido é un gran país pero enfrontámonos a unha profunda crise económica. Por iso preséntome para ser o líder do partido Conservador e o voso próximo primeiro ministro", anunciou na súa conta de Twitter.

"O meu desexo", engadiu, "é o de arranxar a economía, unir ao partido e cumprir as expectativas do noso país" antes de prometer "integridade, profesionalidade e responsabilidade a todos os niveis do Goberno".

Sunak debe presentar os avais dun centenar de deputados conservadores da Cámara dos Comúns esta segunda feira para certificar a súa participación; unha cifra practicamente garantida segundo as estimacións de todos os medios británicos, que falan xa duns 128 apoios.

Johnson busca retomar o poder

O ex ministro Sunak postúlase ao cargo no medio dun cisma no seo dos 'tories', con ducias de de deputados xa declararon o seu apoio a Boris Johnson, dimitido hai só catro meses.

Fontes da BBC confirmaron que Sunak e Johnson mantiveron esta pasada noite un encontro privado do que non transcenderon detalles, mais que, segundo diario The Times, foi infrutuoso.

De acordo coas fontes de The Times, Johnson asegurou aos seus avalistas que é o único candidato "cun mandato democrático. Desde a campaña do ex primeiro ministro aseguran que conta co centenar de avais necesarios para presentarse, pero fontes do partido poñen en dúbida esta cifra.

De momento só Sunak e a líder conservadora na Cámara dos Comúns, Penny Mordaunt, presentaron oficialmente a súa candidatura. Todos os aspirantes teñen de prazo até as 14 horas desta segunda feira, hora local.

Comentarios