Rishi Sunak adianta as eleccións no Reino Unido ao 4 de xullo

O anuncio desde o número 10 de Downing Street supón adiantar medio ano os comicios sobre a data prevista.
O primeiro ministro do Reino Unido, Rishi Sunak (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / DPA vía Europa Press).
photo_camera O primeiro ministro do Reino Unido, Rishi Sunak (Foto: Stefan Rousseau / PA Wire / DPA vía Europa Press).

No contexto das especulacións arredor da posibilidade de que o primeiro ministro británico, Rishi Sunak (Partido Conservador) convocase eleccións xerais no verán, durante a sesión na Cámara dos Comúns a cuarta feira Sunak insistiu en que decorrería “na segunda metade deste ano”.

Poucas horas despois, o primeiro ministro anunciou unha rolda de prensa na que trasladou que o monarca Carlos III autorizou a disolución do lexislativo, convocando os comicios para o próximo 4 de xullo. A data límite para as votacións expiraba a comezos de 2025, mais a prensa local apuntaba con anterioridade que Sunak programaba que decorresen no outono.

Na alocución, defendeu que reduciron os impostos “ao investimento” e ás persoas traballadoras, e abordaron a inflación, atacando o Partido Laborista posto que “non ten ningún plan”, antes de soster que ofrece un futuro “incerto”, remarcando que o 5 de xullo ou el ou Keir Starmer, o líder laborista, será o primeiro ministro.

Así e todo, os traballos demoscópicos apenas outorgan posibilidades residuais aos conservadores. A última enquisa, a de Survation, publicada a cuarta feira, prevé que os laboristas se fagan con case a metade dos sufraxios, por 27% da formación de Sunak.

A nivel de escanos na Cámara Baixa, a única que se somete a votación popular, estima que Starmer contará con 480 dos 650. Pola súa parte, os conservadores perderían a maioría absoluta que lograron en 2019 e caerían a 70 asentos, seguidos dos Liberal Demócratas con 45 e do Partido Nacional Escocés (SNP) con 32.

Starmer retrucou as palabras de Sunak asegurando que “un voto polo Partido Laborista é un voto pola estabilidade económica e política”, amais de destacar que son unhas eleccións “para deter o caos”.

Pola súa parte, o flamante líder do SNP e primeiro ministro escocés, John Swinney, afirmou que os nacionalistas “ofrecen un futuro mellor ao roto consenso de Westminster”, en referencia ao Parlamento, destacando que “é o momento de destituír o Goberno conservador e pór Escocia en primeiro lugar” cun voto para que “se converta nun país independente”.

Ao tempo, o líder liberal-demócrata, Ed Davey, anotou que “a xente clama por un cambio e esta elección é a oportunidade para facelo realidade”.

Os comicios chegan após anos turbulentos para os conservadores, que incluíron a dimisión do primeiro ministro Boris Johnson a finais de 2022. A súa substituta, Liz Truss, tivo que dimitir menos de dous meses despois de chegar ao cargo, dando paso ao mandato de Sunak.

Comentarios