Un escándalo de abusos sexuais ameaza con tombar Boris Johnson

O primeiro ministro do Reino Unido podería ter os días contados após ser acusado de encubrir os abusos sexuais do deputado 'tory' Chris Pincher.
Boris Johnson, a pasada semana, nunha das súas intervencións no cumio da OTAN decorrido en Madrid. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Boris Johnson, a pasada semana, nunha das súas intervencións no cumio da OTAN decorrido en Madrid. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Boris Johnson sobreviviu hai un mes a unha moción de censura impulsada no seo do propio Partido Conservador por unha diferenza moi axustada: só obtivo o apoio de 211 deputados e deputadas tories (58,8%).

Mais agora o primeiro ministro do Reino Unido volve ficar contra as cordas e podería ter os días contados en Downing Street, segundo vaticinan varias casas de apostas. Esta terza feira presentaron as súas respectivas cartas de dimisión os titulares de Sanidade, Sajid Javid, e Facenda, Rishi Sunak, que cuestionaron a "competencia" de Johnson para liderar o Goberno.

"A xente agarda que o Goberno actúe de forma axeitada, competente e seria. Recoñezo que este pode ser o meu último traballo ministerial, mais penso que paga a pena loitar por estes estándares e por iso renuncio", xustificaba Sunak a través de Twitter.

Estas dimisións prodúcense nun momento no que a opinión pública volve cuestionar o primeiro ministro, involucrado no chamado 'partygate' —festas durante a pandemia sen respectar a normativa sociosanitaria—, após transcender nas últimas horas un escándalo de abuso sexual que provocou a dimisión do deputado conservador Chris Pincher.

Pincher foi nomeado polo propio Johnson responsábel de disciplina dos tories o pasado febreiro, e agora renunciou á súa acta na Cámara dos Comúns polas múltiples informacións xurdidas na prensa que o acusan de ter abusado sexualmente de máis dunha ducia de homes, moitos deles compañeiros de partido.

Johnson recoñece agora ter sido informado do escándalo de Chris Pincher malia negalo nun primeiro intre

É o cuarto escándalo destas características que sacode a formación de Boris Johnson nos últimos meses, e tomou especial relevancia após desvelar a BBC esta segunda feira que fora informado de "comportamentos inapropiados" de Pincher relacionados con esta causa mentres este traballaba no ministerio de Exteriores, nos anos 2019 e 2020.

A oficina do primeiro ministro, porén, viña insistindo na última semana en que descoñecía tales sucesos e acusacións. O propio Johnson vén de recuar na mesma canle de televisión británica: "Houbo unha queixa que me fixeron chegar a min especificamente... Foi hai moito tempo e de forma oral, mais iso non é escusa, debín ter actuado a partir de aí".

Tamén cualificou como un "erro" o nomeamento de Pincher cando xa estaba informado deste escándalo, en febreiro. "Comportouse moi, moi mal", limitouse a dicir, ao tempo que pediu "desculpas" ás vítimas.

Comentarios