Boris Johnson dimite após os últimos escándalos e a dimisión de varios altos cargos do seu Goberno

O primeiro ministro do Reino Unido presentará a súa renuncia esta mesma quinta feira, segundo informa a 'BBC' británica.
Os deputados 'tories' están descontentos coa xestión de Boris Johnson. (Foto: Aaron Chown / PA Wire / DPA)
photo_camera Os deputados 'tories' están descontentos coa xestión de Boris Johnson. (Foto: Aaron Chown / PA Wire / DPA)

A canle de televisión británica BBC informou hai escasos minutos da inminente dimisión do primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, após a dimisión en masa de varios altos cargos do seu Goberno nas últimas horas.

Segundo a mesma información, Johnson renunciará ao seu cargo na tarde desta mesma quinta feira e o seu relevo chegará de cara ao outono.

Esta terza feira presentaron as súas respectivas cartas de dimisión os titulares de Sanidade, Sajid Javid, e Facenda, Rishi Sunak, que cuestionaron a "competencia" de Johnson para liderar o Goberno, e a eles sumáronse o secretario de Estado da Infancia, Will Quince, o de Educación, Robin Walker, o de Finanzas, John Glen, e o de Vivenda, Stuart Andrew, amais da enlace do lexislativo co Ministerio de Transporte, a deputada Laura Trott.

Detrás destas dimisións está o cuarto escándalo sexual entre os conservadores nos últimos dous meses, ao saltar á palestra pública a semana pasada o acoso do xefe adxunto do Executivo no lexislativo, Chris Pincher, a dous homes nun club, o que impulsou as denuncias de máis dunha ducia de homes -incluídos integrantes da formación- ao ser vítimas de comportamentos non apropiados na última década  por parte de Pincher, que dimitiu un día despois.

Aínda que nun primeiro intre Downing Street afirmou que Johnson non coñecía ningunha acusación en contra de Pincher, que até febreiro foi ministro de Vivenda, a comezos desta semana tivo que recoñecer que o primeiro ministro si que era consciente das denuncias e non actuou. Antes de entrar no Goberno, o mesmo Johnson o definira como un “sobador”.

Hai cinco anos Pincher xa tivera que dimitir do seu cargo na Cámara dos Comúns por facer proposicións sexuais non desexadas a un atleta olímpico e potencial candidato dos conservadores nos comicios, até que na etapa de Theresa May foi reincorporado.

Especialmente importante para a continuidade do gabinete é a marcha de Quince, un dos maiores defensores do primeiro ministro até que asumiu que mentira ao soster que non era consciente das acusacións. "O país merece algo mellor", aseverou o ex secretario de Estado ao anunciar a súa marcha, reiterando que lle garantiran que non tiñan información previa sobre os comportamentos de Pincher.

Comentarios