Rexistran máis de 11.500 sismos en Islandia o que pode significar unha inminente erupción volcánica

A poboación do extremo suroccidental de Islandia foi a que sentiu os maiores impactos da inestabilidade de fendas xeolóxicas, que os expertos consideran como o sinal dunha posíbel erupción volcánica futura.
O volcán de Fagradalsfjall en Islandia o ano pasado (Foto: Mateusz / Adobe Stock).
photo_camera O volcán de Fagradalsfjall en Islandia o ano pasado (Foto: Mateusz / Adobe Stock).

Máis de 11.500 sismos rexistráronse nas zonas contiguas aos volcáns islandeses de Fagradalsfjall e Keilir, na península de Reykjanes, logo de que a rexión se vise azoutada o pasado 4 de xullo por un enxame de tremores, informa a prensa local.

A poboación do extremo suroccidental de Islandia foi a que sentiu os maiores impactos da inestabilidade de fendas xeolóxicas, que os expertos consideran como o sinal dunha posíbel erupción volcánica futura.

Un sismo de magnitude 4,5 rexistrouse este sábado nesta península e sentiuse tamén en Reikiavik, a capital do país. Mentres, o 7 de xullo, máis de 480 tremores, o maior deles de magnitude 4,5, producíronse perto da illa de Eldey, próxima a Reykjanes.

Un día antes, nesa mesma zona rexistrouse outra serie de movementos telúricos, comunicou a Oficina Meteorolóxica islandesa.

Posíbel erupción

Aínda que a actividade sísmica nas proximidades dos volcáns diminuíu, a deformación da cortiza terrestre suxire que o magma está a ascender cara á superficie. Unha imaxe de InSAR baseada en datos satelitales de radar, revelou que, desde o 28 de xuño e até esta quinta feira, o nivel superior do dique alcanzara 1 quilómetro de profundidade.

Ademais, evidenciouse que o magma flúe agora case o dobre de rápido, en comparación co período previo á erupción de agosto de 2022. Con todo, o volume total de magma que chegou á parte superior da cortiza é similar, de ao redor de 12 millóns de metros cúbicos.

A experta en riscos naturais da Oficina Meteorolóxica de Islandia, Lovísa Mjoll Gudmundsdóttir, explicou que se produciron moitos sismos pequenos e densos que apenas poden ser medidos, o que podería indicar que o magma está 'a loitar' por saír á superficie.

Os científicos non descartan que en Islandia se produza unha nova erupción volcánica moito máis forte que a ocorrida o ano pasado.

Comentarios