[VÍDEO] Alerta vermella en Hawaii: entra en erupción o volcán activo máis grande do mundo

É a primeira vez que se produce este fenómeno no Mauna Loa desde 1984.
Riadas de lava procedentes do volcán Mauna Loa. (Foto: USGS)
photo_camera Riadas de lava procedentes do volcán Mauna Loa. (Foto: USGS)

Hawaii está en alerta. O volcán en activo máis grande do mundo, o Mauna Loa, comezou contra as 23.30 horas do pasado domingo [hora local] a entrar en fase de erupción en Moku'āweoweo, a caldeira do cumio do volcán, segundo advertiron as autoridades estadounidenses, que pediron á poboación da Illa Grande de Hawaii que se prepare para "o peor dos casos".

A erupción, explican desde o Servizo Xeolóxico dos EUA (USGS), ficara "confinada" dentro desta caldeira na madrugada da segunda feira, pero máis tarde produciuse un desbordamento na parte suroeste. Posteriormente tamén se acharon fendas na zona noreste.

"Non agardamos ningunha actividade eruptiva fóra da zona noreste do rift. Ningunha propiedade está actualmente en risco", apuntan desde o USGS, en declaracións recollidas por USAToday. Con todo, as fendeduras abertas no noreste do volcán poderían traducirse en camiños de lava cara ao condado de Hawaii e a cidade de Hilo, mais "tardaría semanas ou mesmo meses" en alcanzar as persoas, precisan.

Pola contra, a lava que emerxe das fendas do suroeste podería chegar ás comunidades en cuestión de "horas ou días", polo que se mantén a cautela, pois a situación podería mudar radicalmente de inmediato. Nestes intres, se ben os fluxos de lava non ameazan ningunha poboación, é probábel que o vento arrastre gases volcánicos, cinza e outros materiais derivados do volcán.

O vulcanólogo Robin George Andrews sinala o "gran risco" que podería supor que a lava comece a saír desas fendas cara aos costados do volcán, cuxo cumio se sitúa en altura até 17 quilómetros por riba da súa base.

"O feito é que esta é unha montaña perigosa que non entrou en erupción desde 1984, a pausa eruptiva máis longa da súa historia, e por iso temos que estar atentos ao que suceda", engade Andrews. O Mauna Loa entrou en erupción 33 veces desde 1843, e a máis recente durou 22 días e produciu fluxos de lava que ficaron a uns sete quilómetros de distancia de Hilo, onde residen hoxe perto de 44.000 persoas.

Pola súa parte, o Kilauea, localizado ao sureste do Mauna Loa, leva varios meses inmerso nunha pequena erupción, e expulsou lava de forma practicamente continua con pequenos intervalos entre 1983 e 2019.

Comentarios