Pacto Nacional

O referendo catalán avanza

O proces soberanista catalán deu a sexta feira un gran paso ao se constituír de maneira formal o novo Pacto Nacional polo Referendo, que substitúe o Pacto Nacional polo Dereito a Decidir. Os principais partidos implicados explicaron que se encetará unha campaña internacional de recollida de adhesións.

C0YEi4cWEAAOqLr
photo_camera No cumio participaron perto de 90 persoas

O Pacto Nacional polo Referendo foi constituído a sexta feira en Catalunya, feito que representa un avanzo importante no proces soberanista. No cumio, que durou arredor de tres horas e en que participaron os dirixentes dos principais partidos implicados –Carles Puigdemont, Ada Colau, Oriol Junqueras e Anna Gabriel- decidiuse encetar unha campaña de recollida de adhesións para lograr convocar unha consulta pactada co Estado español.

A campaña buscará apoios no resto do Estado e no ámbito internacional e iniciarase após a presentación do manifesto que os impulsores redactarán nas próximas semanas. En declaracións aos medios após o cumio, o president da Generalitat puxo de manifesto o “salto adiante” que implica o pacto e subliñou o apoio do que goza o referendo. Colau asistiu á reunión como representante dos “comúns” e, á saída da reunión, amosouse satisfeita da base social que ten a consulta.

Junqueras e Anna Gabriel, dispostos ao referendo unilateral

Junqueras, pola súa banda, amosouse pesimista sobre un posíbel pacto co Goberno español e emprazou os partidarios da vía acordada apoiar o referendo unilateral se se confirma a negativa do Executivo encabezado por Mariano Rajoy. Na mesma liña pronunciouse Anna Gabriel, quen insistiu en que o horizonte da CUP segue a ser o próximo setembro.

Comisión executiva

Na reunión da sexta feira decidíronse os nomes das persoas que formarán parte da comisión executiva do pacto. Son Joan Ignasi Elena, ex-deputado socialista que desenvolverá o papel de portavoz da comisión; a ex conselleira de Ensino, de CDC, Carme-Laura Gil; a ex deputada de ERC Carme Porta; o ex-deputado de ICV-EUiA Jaume Bosch; a ex alcaldesa socialista de Badalona, Maite Arqué; o director da Catalán International Review, Francisco de Dalmases; o ex deputado de ICV Frances Pané e a ex rexedora independente de Ciutat Vella, Itziar González.

Comentarios