Rusia e Ucraína acordan abrir corredores humanitarios para a evacuación

Putin asegura a Macron que levará a "operación especial" até o final.
EuropaPress_4288114_03_march_2022_poland_przemysl_woman_breaks_down_in_tears_behind_fence_as
photo_camera Refuxiados chegados onte en tren desde Kiev á polaca Przemysl (Foto: Bryan Smith / ZUMA Press)

Os Gobernos de Ucraína e de Rusia acordaron onte o estabelecemento de corredores humanitarios para a evacuación e a entrega de alimentos e medicinas no marco do conflito, segundo anunciou a parte ucraína ao término da segunda rolda de conversas, diálogos que se repetirán "axiña".

Así o trasladou o asesor da Presidencia ucraína, Mikhailo Podoliak, a través da súa conta en Twitter, onde tamén publicou unha fotografía da xuntanza e lamentou que Ucraína "aínda non conseguiu os resultados que necesita". Isto é, que paren os ataques sobre as cidades do país. Segundo recolleu o portal de noticias ucraíno Babel, Podoliak detallou que as partes abordaran a posibilidade de estabelecer un cesamento do fogo mentres se fai entrega dos alimentos e as medicinas.

Rusia e Ucraína crearán unha canle de comunicación especial para discutir a posibilidade de estabelecer os citados corredores. Así o confirmou tamén o xefe do equipo negociador ruso, Vladimir Medinsky, que considerou que esta segunda rolda supón un "progreso substancial". Ambas as partes tamén acordaron volverse reunir "axiña", na que sería a terceira rolda de conversas.

Nacións Unidas contabilizou en máis dun millón o número de persoas refuxiadas que fuxiron da guerra en só sete días, salientando que a crise humanitaria vai camiño de empeorar.

"Non á guerra"

Putin, durante unha reunión do Consello de Seguridade ruso, asegurou que "a operación especial se está a desenvolver segundo os prazos previstos no plan". "Todas as misións estanse a levar a cabo con éxito", sinalou.

Ademais, apelou á unión do pobo ruso, ao que pediu que apoie as familias que perderon seres queridos "no campo de batalla loitando pola seguridade da patria". Antes, nunha conversa co seu homólogo francés, Emmanuel Macron, Putin asegurou que completará a ofensiva "en calquera caso", que "a situación se agravará", e que se trata dunha cruzada contra o "nazismo".

Por outra parte, as autoridades rusas volveron instar onte a cidadanía a non participar nas protestas contra a guerra, que se suceden desde o inicio da ofensiva militar. Miles de persoas foron detidas en Rusia nestas mobilizacións, segundo medios internacionais.

Na mañá de onte, o ministro ruso de Exteriores, Serguéi Lavrov, afirmou en declaracións aos medios que se fala da "posibilidade dunha guerra nuclear, mais non por parte de Rusia, senón por parte da OTAN e máis Ucraína"

Comentarios