Puigdemont recorrerá a perda da inmunidade como eurodeputado

A Eurocámara deu luz verde ao suplicatorio do Tribunal Supremo de España para retirar a inmunidade aos deputados europeos  Carles Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí para así podelos xulgar polo seu papel procés. Porén, os independenitistas consideran a votación unha "vitoria política" ao obteren 42% de apoio no hemiciclo.
Carles Puigdemont, durante a sesión plenaria da Eurocámara que suspendeu a súa inmunidade (Foto: Benoit Doppagne / Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont, durante a sesión plenaria da Eurocámara que suspendeu a súa inmunidade (Foto: Benoit Doppagne / Europa Press)

O pleno do Parlamento europeo aprobou o suplicatorio remitido polo Tribunal Supremo español polo que se suspende a inmunidade parlamentar do ex president de Catalunya Carles Puigdemont para que poida ser xulgado en España polo seu papel no Procés. A Eurocámara tamén acordou levantar a inmunidade dos outros dous representantes de Junts no hemiciclo, os ex consellers Toni Comín e Clara Ponsatí, que tamén reclama o Supremo. Iso si, os tres manterán o seu escano europeo.

Puigdemont xa anunciou que recorrerán ao Tribunal Xeral da Unión Europea e que, de reactivárense as euroordes do xuíz español Pablo Llarena, poranse ao dispor dos tribunais belgas. 

Os tres independentistas consideraron a votación -que foi secreta- unha "vitoria política", xa que 42% dos membros do hemiciclo votaron en contra de retirarlles a inmunidade, incluíndo 80 eurodeputados do grupos socialista, popular e liberal, que romperon a disciplina de voto.

Na votación do suplicatorio de Puigdemont, houbo 400 votos a prol, 248 en contra e 45 abstencións, e no de Comín e Ponsatí foron 404 'si', 247 ‘non’ e 42 abstencións. A maioría dos votos en contra chegaron do grupo da Alianza Libre Europea-Verdes (no que se inscriben Esquerra Republicana e os Comúns) e do grupo da esquerda (onde se están Unidas Podemos e Bildu). 

Puigdemont quixo "agradecer o apoio recibido, que foi máis do previsto" nun "día triste para o Parlamento europeo. Perdemos a nosa inmunidade, pero a democracia europea perde máis. Este é un caso claro de persecución política", reflexionou.

Pola súa banda, a portavoz do PSOE, Adriana Lastra, asegurou non entender que Podemos, socio dos socialistas no Goberno español, votase en contra do suplicatorio para que "a xustiza faga o seu traballo", e a ministra González Laya afirmou que o Executivo ve na decisión da Eurocámara un apoio ao Estado de dereito e á Xustiza en España. Mentres, o portavoz parlamentar de Esquerra, Gabriel  Rufián, ameazou con retirar o seu apoio ao Goberno de Pedro Sánchez se segue felicitándose con decisións como a retirar a inmunidade a Puigdemont.

O xuíz anula o terceiro grao aos presos condenados polo procés

O Xulgado de Vixilancia Penal de Catalunya acordou esta terza feira, 9 de marzo, anular o terceiro grao dos presos condenados polo Tribunal Supremo no xuízo do procés e que cumpren condena en Lledoners (Barcelona): Oriol Junqueras, Raül Romeva, Josep Rull, Jordi Turull, Jordi Sànchez, Jordi Cuixart e Quim Forn.

Esta decisión anula a concesión de terceiro grao que propuxeron por segunda vez os funcionarios de Lledoners e ratificou a Generalitat, e ao que a Fiscalía se opuxo usando os mesmos argumentos que xa esgrimiu coa primeira proposta de semiliberdade, hai seis meses, e que finalmente tombou o Supremo.

Agora, o xuíz considera no novo auto, tal e como sostén o fiscal, que, con condenas de até 13 anos, é pronto para concederlles o terceiro grao aínda que xa cumprisen unha cuarta parte da pena, e conclúe sinalando que ningún dos presos asume "o delito penal".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios