Lembra que en democracia é o parlamento quen cesa o presidente

Puigdemont pide unha “oposición democrática” á aplicación do 155

Nunha declaración institucional desde Girona, Puigdemont apela a defender con "compromiso pacífico" a República e non fai ningunha referencia ás eleccións. Non se dá por cesado no cargo pois, afirma, en democracia só o parlamento pode cesar o presidente.

puigdemont
photo_camera Imaxe: @catalangov

Carles Puigdemont chama a unha “oposición democrática” á aplicación do artigo 155. Fíxoo a través dunha declaración institucional desde Girona e emitida por TV3. “Non nos desviemos. Sen violencia, sen insultos, de maneira inclusiva, respectando as persoas e símbolos, respectando os que non están de acordo coa maioría parlamentar”. Esta foi a principal mensaxe que Puigdemont quixo trasladar no seu breve discurso, mais non a única.

“Nas sociedades democráticas é o parlamento o que cesa os presidentes”, lembrou, en referencia á decisión do goberno español de cesalo a el propio, así como ao, vicepresident e demáis membros do Govern a través dos poderes do 155. Unha declaración que indica que non se dá por cesado.

“Onte [pola sexta feira], o Parlament vai cumprir co que os cidadáns votaron o 27 de setembro de 2015”, apuntou Puigdemont, que recoñeceu que coa aplicación do 155 “entramos nunha nova etapa”. “Paciencia, perseverancia e perspectiva”, resumiu o dirixente nacionalista, son as claves para esta nova fase.  “Seguiremos traballando para construír un país libre e con menos inxustizas, máis igualdade e máis fraternidade con todos os pobos do mundo, comezando polos de España”, dixo, "cos que queremos vincularnos desde o respecto e o recoñecemento mutuos".

Na súa intervención, Puigdemont non fixo ningunha referencia ás eleccións convocadas polo goberno español en Catalunya para o 21 de decembro.

Comentarios