O PTI de Imran Khan lidera o reconto dos comicios paquistanís

Nawaz Sharif perde na súa circunscrición
Reconto en Paquistán. (Foto: Hussain Ali / Europa Press / Contacto)
photo_camera Reconto en Paquistán. (Foto: Hussain Ali / Europa Press / Contacto)

Á hora do feche hoxe desta edición, e cos resultados de 180 dos 266 asentos da Asemblea Nacional de Paquistán elixidos de forma directa xa anunciados -70 postos están reservados para minorías e mulleres-, as candidaturas independentes apoiadas polo centrista Movemento pola Xustiza (PTI) do ex primeiro ministro Imran Khan fixéranse con 71 escanos, seguidas da conservadora Liga Musulmá (PML) con 52 e do progresista Partido Popular (PPP) con 38.

A xornalista Amber Shamsi defendeu que “os votantes do PTI demostraron o poder do voto a pesar da opresión e dos desafíos”, a raíz duns resultados que están a sorprender o país despois da forte represión contra Khan e a formación, á que se lle prohibiu participar nos comicios, polo que todas as súas candidaturas son formalmente de independentes.

Sobre todo após o acontecido despois das votacións. Arredor de 10 horas despois do feche das urnas nas eleccións xerais que decorreron a quinta feira, a Comisión Electoral comunicou unha orde na que brindaba media hora para que todas as persoas responsábeis do escrutinio enviasen os resultados dos colexios electorais perante a ausencia de datos.

Nese momento, e tendo en conta que polo xeral os resultados comezan a facerse públicos dúas ou tres horas logo da fin das votacións, así como os reportes de que as oficinas de escrutinio se negaron a recoller os documentos que corroboraban os datos do reconto por parte de representantes dos colexios electorais, a tensión xa se incrementara no país ante o temor dunha manipulación dos resultados, como denunciou o PTI, que sostiña que os datos cos que contaba permitían afirmar que obtiveron unha maioría suficiente para formar Goberno.

Sharif fica sen escano

Isto contrastou co silencio nas primeiras horas por parte da PML. O seu candidato, o ex primeiro ministro Nawaz Sharif, proclamou hoxe que a formación converteuse “no partido máis grande do país”, e avanzou que falará con outras forzas para intentar conformar un Executivo de coalición.

Así e todo, Sharif non foi capaz de entrar no lexislativo ao perder na súa circunscrición contra un candidato avalado polo PTI, malia que todo indicaba que fora o elixido polos militares para facerse co poder.

Aínda que as candidaturas independentes teñen tres días para decidir se queren unirse ao grupo dalgunha formación política, prevese que os obstáculos impostos polas autoridades ao PTI baixo a influencia do Exército prosigan no novo lexislativo.

Comentarios