Presidente do Congreso brasileiro anula o proceso de destitución de Dilma Rousseff

O impeachment fica suspendido e deberá volver a ser tratado pola Cámara baixa. 

Dilma Rousseff_Telesur
photo_camera [Imaxe TeleSur]

A dous días de ser votado no Senado o proceso de destitución da presidenta do Brasil ficou anulado esta segunda feira após o novo presidente do Congreso, Waldir Maranhão (PP), aceptar o pedido presentado pola defensa de Dilma Rousseff.

Maranhão substituíu Eduardo Cunha como presidente do Congreso após ordenar o Supremo a súa suspensión provisional do cargo e tamén como deputado no marco da súa investigación por corrupción. 

A decisión podería obrigar a re-iniciar o impeachment que terá de ser tratado de novo polo Congreso porén, as forzas de oposición ao PT anunciaron que recorrerán a anulación perante o Tribunal Supremo Federal e acusan Waldir Maranhão de non ter competencias sobre o asunto unha vez que este pasou ao Senado. 

A decisión podería obrigar a re-iniciar o impeachment que terá de ser tratado de novo polo Congreso

De facto, a Cámara alta tiña previsto a votación da destitución da presidenta para esta cuarta feira (11 de maio). "Non imos aceptar. El [Maranhão] non ten autoridade para tomar unha decisión desas", sinalou o deputado Pauderney Avelino, do partido Democratas (DEM), en declaracións recollidas por Globonews. 

As circunstancias da admisión do pedido da defensa de Rousseff non ficaron aínda claras como tampouco as repercusións políticas e mesmo sociais que terá no Brasil. Neste senso, a propia Rousseff asegurou ter coñecemento do acontecido através da imprensa e fixo un apelo á "cautela" porque "vivimos nunha coxuntura e mañas e artimalas". 

Comentarios