Moción de censura

O PP perde a alcaldía de Murcia despois de 25 anos

A diferencia do acontecido na Rexión de Murcia, o PP non conseguiu o salto de ningunha edil de Ciudadanos, mais si un novo apoio de Vox que non abondou.
José Ballesta (PP), ex alcalde, entrega o bastón de mando  a José Antonio Serrano (PSOE). (Foto: Edu Botella / Europa Press)
photo_camera José Ballesta (PP), ex alcalde, entrega o bastón de mando a José Antonio Serrano (PSOE). (Foto: Edu Botella / Europa Press)

Quince días despois da presentación dunha dupla moción de censura no concello e na Rexión de Murcia por parte de PSOE e Ciudadanos que provocou a caída do goberno de Madrid, unha moción de censura en Castela e León, a renuncia dun Vicepresidente do Goberno español e o intento do PP por absorber á desesperada aos cargos públicos de Ciudadanos; o PSOE consegue a alcaldía de Murcia na última oportunidade nunha das mocións de censura destas semanas.

A entrega do bastón de mando a José Antonio Serrano remata con case 26 anos de gobernos consecutivos do PP na cidade.

A moción saíu adiante con 15 votos a favor do PSOE (9), Ciudadanos (4) e Podemos-Equo (2); da outra banda Vox (3) sumou o voto das súas edís o do PP (11). O novo goberno municipal estará formado polos grupos do PSOE e Ciudadanos, mentres que Podemos-Equo manterase na oposición. 

Corrupción

Segundo Ciudadanos, as mocións responden a corrupción do PP nos gobernos municipal e rexional

O 5 de marzo fíxose pública a denuncia en outubro de 2020 diante da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais da Policía do primeiro tenente de alcalde e voceiro da formación en Murcia, Mario Gómez, que explicou como nas mesas de contratación se repetían contratacións directas con ofertas económicas xusto por baixo do mínimo legal para convocar un concurso público.

Esas ofertas facíanse sempre a nome de tres persoas da mesma familia, con contratos que acadaron o millón de euros. Incluso estas empresas sabían con meses de antelación os proxectos do concello, como sinalou a A3Media Begoña Villacís, vicealcaldesa de Madrid e integrante da Executiva de Ciudadanos.

A situación política na rexión mantíñase inestábel nos últimos meses, tanto polas acusacións de corrupción coma polas vacinacións irregulares de altos cargos, que obrigaron ao conselleiro de Saúde Manuel Villegas a dimitir o 20 de xaneiro.
 

Comentarios