Dimite o conselleiro de Sanidade do PP que se vacinou saltando o protocolo

O conselleiro de Saúde de Murcia, Manuel Villegas, que se vacinou xunto a 400 membros do seu departamento sen pertenceren aos grupos prioritarios, presentou a súa renuncia. Horas antes afirmara que non tiña pensado abandonar o Goberno.

O presidente de Murcia, Fernando López Miras (á esquerda) e o conselleiro de Saúde, Manuel Villegas (Foto: Javi Carrión / Europa Press)
photo_camera O presidente de Murcia, Fernando López Miras (á esquerda) e o conselleiro de Saúde, Manuel Villegas (Foto: Javi Carrión / Europa Press)

O conselleiro de Saúde de Murcia, Manuel Villegas, presentou a súa renuncia esta cuarta feira, 20 de xaneiro, após a polémica suscitada pola súa vacinación contra a Covid-19, saltando os protocolos ao non pertencer ao primeiro grupo de vacinación. O anunciou fíxoo o presidente do Goberno rexional, o popular Fernando López Miras, nunha declaración institucional que leu acompañado por Villegas de quen dixo que "foi exemplar e a súa actuación foi intachábel".

Villegas, pola súa banda, deu grazas ao presidente polo seu “apoio incondicional” e confesou que tería gostado de quedar no cargo até o remate da pandemia pero “con tanto ruído” é imposíbel, dixo.

O certo é que as críticas non deixaron de medrar desde que, unhas horas antes da renuncia, Villegas dera unha rolda de prensa na que negara que fose dimitir.

O conselleiro aproveitou a rolda para dar explicacións sobre o feito de que el e 400 membros da súa Consellaría se vacinasen, asegurando que seguiron o protocolo estatal, e pediu desculpas a quen se puider sentir ofendido. Neste sentido, manifestou que se convidou a vacinar o persoal da Consellaría de Saúde porque "entendemos que o seu labor é necesario na pandemia e entraba dentro do que marcaba o Ministerio". 

O PSOE abre expedientes

Esta cuarta feira sumaban oito as e os alcaldes vacinados sen permiso -cinco do PSOE, un do PP, outro de JxCat e outro independente- xunto a dous concelleiros un deputado provincial do PP. Algúns deles vacináronse xunto ás súas parellas.

O PSOE xa abriu expediente aos edís que saltaron o protocolo.

Ademais, dous altos cargos do Servizo Vasco de Saúde -xerentes de hospitais- e ex concelleiros do PNV en Bilbo abandonaron o seu cargo por ser vacinados sen formar parte dos grupos prioritarios.

Comentarios