Portugal: todo o que precisas saber sobre as eleccións do domingo

O Partido Social-Demócrata acurta as distancias co PS de António Costa e podería disputarlle o primeiro posto, mentres a ultradereita de Chega suma apoios e previsibelmente aumentará a súa representación parlamentaria.
Resultados da última sondaxe realizada previa ás eleccións portuguesas, con rexistros até o 26 de xaneiro (Infografía: Nós Diario).
photo_camera Resultados da última sondaxe realizada previa ás eleccións portuguesas, con rexistros até o 26 de xaneiro (Infografía: Nós Diario).

A cidadanía portuguesa está chamada ás urnas este domingo, 30 de xaneiro, para elixir as 230 deputadas e deputados para a XV lexislatura —até 2026—. O actual primeiro ministro, o socialista António Costa, busca alcanzar a maioría absoluta —116 escanos—, algo que, segundo as últimas sondaxes, non será posíbel.

O Partido Socialista (PS), polo tanto, terá que pactar con outras forzas políticas se quere manter o goberno ao que accedeu en 2015, daquela da man de Bloco de Esquerda (BE) e Coligação Democrática Unitária-Partido Comunista Português-Os Verdes (CDU-PCP-PEV), no que se deu a coñecer como pacto da geringonça.

Porén, após os comicios de 2019 Costa fechou a porta ás forzas de esquerda para gobernar en solitario e chegar a acordos puntuais coas formacións representadas na Assembleia da República. No debate no que se enfrontou ao líder do Partido Social-Demócrata (PSD, da dereita liberal), Rui Rio, o seu principal competidor, Costa afirmou que "non é posíbel nas atuais cunstâncias refazer a geringonça".

O PSD acurta distancias

Se ben no inicio da presente lexislatura o PS semellaba ser o único candidato a liderar o vindeiro Goberno de Portugal, as enquisas realizadas nos últimos meses invirten esta tendencia a prol do PSD. De feito, as sondaxes de xaneiro apuntan a un empate técnico —cando a diferenza porcentual de votos é menor que a marxe de erro da enquisa— entre Costa e Rio, se ben o socialista seguiría aínda en cabeza.

O BE de Catarina Martins, terceira forza en 2019 con 9,5% dos sufraxios, pugnará por manter o resultado coa CDU do veterano Jerónimo de Sousa e Chega, a forza de ultradereita que lidera André Ventura.

Iniciativa Liberal (IL), da man de João Cotrim de Figueirido, fica na media das enquisas na contorna do 5% dos votos, mentres o conservador Centro Democrático Social-Partido Popular (CDS-PP), con Francisco Rodrigues dos Santos á cabeza; o ecoloxista Pessoas-Animais-Natureza (PAN), con Inês Sousa Real, e o socialdemócrata Livre, con Rui Tavares, tentarán garantir a súa presenza na Cámara lusa.

Resultados anteriores

Desde que en 1975 se celebraron as primeiras eleccións libres e democráticas en Portugal após a caída do réxime de Salazar, PS e PSD alternáronse no goberno sen dar opción ningunha a forzas políticas alén do bipartidismo, unha tendencia que, á vista da irrupción de novos partidos como IL, PAN ou Livre, podería comezar a se reverter.

Comentarios