Portugal contempla o despezamento de barcos pesqueiros nas áreas con eólica mariña

O Plano de Afetação para Energias Renováveis Offshore avanza os efectos da prohibición de determinadas artes de pesca nos perímetros dfos parques eólicos no mar.

Diversas empresas, con sede social fóra da Galiza, presentan proxectos para desenvolver a eólica en augas galegas. (Foto: Infopuertos)
photo_camera (Foto: Infopuertos)

O Plano de Afetação para Energias Renováveis Offshore (PAER) elaborado polo Goberno de Portugal contempla que a instalación de parques de eólica mariña vai ter efectos sobre a frota pesqueira lusa. “Nos perímetros dos parques eólicos prohvbense as artes de pesca móbiles, como o arrastre de fondo, redes de enmalle, cerco ou deriva, polo que deberá conducir ao despezamento de buques e unha redución do esforzo pesqueiro”, indícase no que documento, nunha nova que publica a xornalista Lara Graña en Faro de Vigo.

Contémplase, logo, o despezamento de buques pesqueiros que xa non van poder pescar nesas áreas e de acudir a outras para faenar levarían a unha “sobreexplotación” dos recursos neses puntos aos que se deslocalzia esta frota. A opción escollida é o despezamento das embarcacións, segundo contempla o PAER. A medida afectaría nomeadamente a arrastreiros e cerqueiros.

A frota portuguesa leva tempo advertindo dos efectos da eólica mariña: "Arredor do parque non fica peixe". O sector do mar de Portugal é unha actividade que, segundo datos oficiais, emprega directa e indirectamente por volta de 90.000 persoas (15.000 delas mariñeiros) e cunha frota que abeira as 4.000 embarcacións pesqueiras, representando en 2021 a venda do seu peixe en lonxas e rulas máis de 335 millóns de euros.

"Como na Galiza, somos un sector importante para o país", manifestaba en marzo en conversa con Nós Diario Nuno Teixeira, do Sindicato dos Trabalhadores da Pesca do Norte (STPN). E, como na Galiza, os mariñeiros están preocupados polo impacto dos plans de desenvolvemento de eólica mariña que se están a deseñar para as augas atlánticas. No seu caso, ademais, contan cunha 'vantaxe': saber o que implica ter un parque eólico mariño xa en funcionamento, o de Viana do Castelo.

Presentado como o primeiro parque eólico semisomerxíbel do mundo, o Windfloat Atlantic, impulsado por EDP e Repsol, son tres plataformas, tres aeroxeradores localizados en augas a 18 quilómetros da costa de Viana do Castelo, distrito fronteirizo coa Galiza.

O parque eólico ocupa unha importante zona tradicional de pesca que albergaba especies de polbo, raia, linguado e rodaballo, entre outras; segundo explica Francisco Portela, portavoz da cooperativa de produtores de peixe de Viana Do Castelo 'Vianapesca'. O parque 'off shore' [ultramar] empezou a operar en 2020 e Portela apunta a que o que transmiten os mariñeiros non dá lugar a interpretacións. "Nun quilómetro e medio á redonda da área de protección do parque eólico xa non hai peixes".

Comentarios