Opinión

A guerra de Ucraína e o 2023

A futuroloxía é unha disciplina que colleu pulo nos tempos da guerra fría en ambos os bandos contendentes e pretendía definir posíbeis escenarios na dinámica política internacional tanto para poder prever as súas consecuencias como para poder usalos para, paradoxicamente, dirixir o futuro. Non pretendo neste artigo imitar aos grandes futurólogos do capital como Daniel Bell ou Bertrand de Jouvenel nin aos do bando comunista como Pavel Apostol, dado que non confío moito nesta ciencia, senón que, agora que comeza o ano e é unha sorte de costume facer algúns prognósticos máis ou menos informados sobre o que entendo pode ser o futuro da guerra. E tamén, por derivada, cal pode ser o futuro da nova orde mundial nun futuro inmediato, agardando non equivocarme tanto como os futurólogos antes citados.

Non se discute cal vai ser a derrota de Rusia, pois esta xa aconteceu, senón a forma que esta vai adoptar. Digo que xa foi porque é obvio que se a suposta segunda potencia militar do mundo non é quen de esmagar a un dos países máis atrasados de Europa, sendo este un país veciño e con unha substantiva porcentaxe da poboación, a priori, aliada. E se despois dun ano segue se a selo, cativa superpotencia é esta. Dende logo non é para animar a outros a seguila no liderado da nova orde mundial. Armenia, Taxikistan e todo apunta que tamén a Belarús xa llo fixeron saber con xestos ben evidentes para quen saiba ler a linguaxe diplomática. Para un estado das dimensións do ruso non ganar é xa perder.

O problema entón é o como vai ser concretada a derrota. Eis a análise futurolóxica. Polo que pode ser percibido todo apunta a que os USA non van deixar ganar de todo a Ucraína e forzarán algunha negociación. Se quixesen ganar a guerra daríanlle armamento de última xeración, e non o están a facer. Danlle aos ucraínos armamento sobrante dos arsenais ou modelos amortizados de armas como o HIMARS que aínda si son ben mellores cás rusas (un dos efectos colaterais da guerra foi a cancelación de contratos de compra de armamento ruso pola India e outros países) o suficiente como para facelos retroceder e manter as posicións. Ao tempo que os desgastan e os fan incorrer nos enormes custos derivados da guerra. Gastan en mísiles o que deberían gastar en mellorar as cativas condicións da súa poboación, especialmente. Os americanos, como non, traizoarán os seus aliados ucraínos e non lles deixarán recuperar todo. Non aparentan ter interese nun cambio de réxime en Rusia pero si que lles interesa telo tutelado, que saiban que se non cae é porque eles non queren.

En canto a China, pouco vai poder liderar a nivel mundial. O camarada Xi mandará moito pero o mando non ten poderes máxicos para poder elevar o crecemento económico, que xa leva algún tempo estancado, ao mellor por tanto mando, nin menos aínda para poder atender debidamente os problemas derivados da pandemia. Un país con serios problemas de obtención de medicamentos para un andazo que non foron quen aínda de lograr controlar tampouco parece ser un modelo para que o sigan as masas do resto do mundo.

Os ianquis, en cambio, parecen ter recobrado algo a súa forza e parecen en boa forma. Están voltando a controlar Europa, no ámbito militar pero tamén no enerxético, e parecen ser de novo o único actor con capacidade global. O outro día analizábase o golpe de estado no Perú e culpábase a CIA da súa execución. Máis alá da crítica o que se estaba a manifestar é que os USA volven intervir en América Latina, e sobre todo son quen de organizar golpes de estado triunfantes. Isto hai tempo que non se vía, e sumado a que Maduro e outros países da zona van virar de bando, se non o fixeron xa, todo augura que a nova orde vai ter que agardar aínda un pouquiño.

Comentarios