O mozo autor dos disparos de Munich proferiu berros contra as persoas estranxeiras

[ACTUALIZADA ÁS 12.25]. Non existen evidencias claras de que o terceiro ataque a civís na Europa occidental en oito días responda a un ataque terrorista. Esta sexta feira produciuse un tiroteo nun centro comercial de Munich. O saldo, 9 persoas mortas e máis de quince feridas. O agresor suicidouse. A policía identificouno como un mozo de 18 anos con dupla nacionalidade iraniana-alemá. Embora levase só dous anos a morar en Alemaña, proferiu berros contra as persoas estranxeiras durante o ataque.

telesur
photo_camera Imaxe do agresor tirada do vídeo

En primeira instancia, a policía bávara manexou a hipótese de que o ataque fose obra de até tres pistoleiros. Fontes das forzas de seguridade alemá alentaron tamén o cenario de que estivésemos perante un atentado terrorista co argumento de que ninguén ataca por que si a unha masa de persoas de forma indiscriminada.

Porén, as investigacións foron determinando, segundo sempre fontes policiais, que o autor da matanza é unha única persoa, un mozo de 18 anos que ten a dupla nacionalidade alemá e iraniana e que, segundo testemuñas presenciais, berrou “son alemán” durante o tiroteo.

Momentos do ataque foron rexistados en vídeo por unha testemuña. Nas imaxes oúvese ao agresor berrar “Fodidos turcos” nun intercambio de gritos cun viandante que alertaba as persoas concentradas no exterior do centro comercial de que un home portaba unha arma de fogo.

Fontes da intelixencia norteamericana afirman que segundo os seus colegas alemáns en principio non hai vínculos entre o agresor e grupos islámicos

O chefe da policía de Munich, Hubertus Andrae, afirmou que o móvil do ataque é “completamente incerto” e que é moi cedo para o ligar a un atentado terrorista, sen existiren evidencias de que sexa un acción de grupos armados islamistas.

Fontes da intelixencia norteamericana, citadas por Reuters, dixeron que os informes preliminares dos seus colegas alemás non sinalaban vinculos entre o pistoleiro e o Estado islámico ou Al Qaeda.

Hollande dá por suposto que se trata dun atentado terrorista

En troca, o presidente da República francesa, François Hollande, deu por suposto, nun comunicado oficial, que si estamos perante un atentado terrorista que tería como obxectivo espallar o medo por toda Europa. "Alemaña resistirá e contará coa amizade e cooperación de Franza", dixo.

Aliás, e perguntado ao respeito durante as primeiras horas após o ataque, un portavoz da policía muniquesa declarou á imprensa: “Se un home armado abre fogo nun centro comercial e mata oito persoas, temos que traballar coa hipótese de que isto non é un crime normal, mais si un acto terrorista”.

O cadáver do agresor foi localizado pola policía nunha rúa próxima ao lugar do tiroteo.

Comentarios