Catalunya

Un 'antidisturbios' imputado polas cargas do 1-O denuncia agora un bico "repentino e non consentido"

"A miña reacción, ademais de noxo, foi de contención ante a extrema violencia que viviamos en cada colexio", asegura o axente da Policía española.
Momento do suposto bico non consentido, plasmado por unha cámara. (Foto: SUP)
photo_camera Momento do suposto bico non consentido, plasmado por unha cámara. (Foto: SUP)

Un axente da Policía Nacional vén de presentar unha denuncia polo bico na boca "repentino e non consentido" que asegura que lle propinou unha muller durante o dispositivo despregado contra o referendo independentista do 1 de outubro de 2017, ao considerar que pode ser constitutivo dun delito contra a liberdade sexual. "A miña reacción, ademais de noxo, foi de contención pola extrema violencia", sinala, ao relatar que foi insultado pola muller e logo, "ao decatarse ela de que había cámaras" de medios de comunicación, decidiu agarralo coas dúas mans, "inmobilizándoo" para darlle un bico na boca.

O escrito presentouse con data desta segunda feira, 11 de setembro, diante do Xulgado de Instrución número 7 de Barcelona por un axente pertencente á Unidade de Intervención Policial (UIP), os coñecidos como 'antidisturbios', que foron despregados en Barcelona en outubro de 2017 para cumprir co mandato xudicial de impedir o referendo independentista.

Este axente reclama que a muller sexa identificada, para o que ofrece unha imaxe e unha ligazón a un vídeo publicado nunha canle de YouTube onde se aprecia o bico, así como que se impoña a medida cautelar de afastamento de mil metros a respecto da denunciante e a prohibición de comunicación coa mesma por calquera medio a fin de protexer a presunta vítima, é dicir, o policía.

Os feitos ocorreron na Vía Augusta, fronte aos Servizos Centrais do Departamento de Ensino, usado como colexio electoral, como se pode observar nun vídeo que se adxunta na demanda que pide identificar a manifestante que, nun momento determinado, bica o policía, aproveitando que tiña levantada a viseira de protección do seu casco. "Unha persoa descoñecida, de maneira sorpresiva, inopinada, repentina e non consentida", narra o axente da Policía Nacional, "dáme un bico na boca, constitutivo dun delito contra a liberdade sexual do artigo 181 e seguintes do Código penal".

O 'antidisturbios', un dos 45 axentes procesados pola actuación para frear o 1-O, engade que recibiu o bico cando os membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado "acababan de intervir as urnas electorais e mentres se iniciaba o repregamento dos funcionarios actuantes entre berros, insultos, agresións e vexacións".

"Insultoume e agarroume"

"Unha señora duns 60 anos achégase a min, insúltame e, ao observar que unha cámara estaba próxima a ambos, agárrame con ambas as mans do pescozo e do casco antidisturbios que portaba ao ir de uniforme, inmobilizándome sorpresivamente e achegando a miña cabeza á súa, para posteriormente bicar a miña boca coa súa", explica o policía da UIP.

O escrito xudicial subliña o ambiente de "extrema violencia ambiental" e o "ánimo libidinoso", advertindo que unha reacción do policía podería desencadear nun incremento da tensión. "A miña reacción, ademais de noxo, foi de contención ante a extrema violencia que viviamos en cada colexio", continúa. "Ao agarrarme da parte baixa do casco, non podo zafarme nin impedir que dobre as miñas costas, todo iso ao tentar evitar ter unha resposta brusca ao abuso que puidese desencadear unha situación de risco aínda maior para a integridade dos actuantes da que xa estabamos a soportar", engade o policía.

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) apoiou xuridicamente a denuncia deste axente e instou os poderes públicos a que poñan ao dispor deste policía "todas as ferramentas e garantías" do Estado de dereito. "Seguimos cun procedemento xudicial onde 45 policías foron imputados, mentres nós recibimos pedradas, vexacións, agresións físicas e ata agresións sexuais como este caso", denunciou o SUP.

Comentarios