Oriente Próximo

O plan de paz para Palestina nace morto

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, reúnese cos líderes dos principais partidos de Israel e desvélalles a súa esperada folla de ruta.
trump-netanyahu
photo_camera Trump recibe na Casa Branca o primeiro ministro en funcións de Israel, Benjamin Netanyahu, esta segunda feira (Twitter: @netanyahu)

"Non é máis que un plan para liquidar a causa palestina", declarou onte o primeiro ministro da Autoridade Nacional Palestina, Mohammad Shtayyeh, pouco antes de que o presidente dos EUA recibise en Washington os líderes políticos israelís. Benjamin Netanyahu, primeiro ministro en funcións e líder do dereitista Likud, e Benny Gantz, líder opositor á fronte do centrista Kahol Lavan, mantiveron xuntanzas separadas con Donald Trump.

Os palestinos non fan parte das conversas nin da folla de ruta que desde hai tres anos leva elaborando Jared Kushner, o xenro do mandatario dos EUA.

"Este é un plan para evitar o impeachment de Trump e para evitar que Netanyahu vaia ao cárcere; non é un plan de paz", engadiu Shtayyeh ao finalizar unha xuntanza do Executivo que preside, segundo recollen as axencias internacionais.

Trump está inmerso nun xuízo político no Senado, acusado de abuso de poder e obstrución ao Congreso, mentres que Netanyahu está imputado por tres casos de corrupción. Ademais, o vindeiro 2 de marzo, Israel organiza as terceiras eleccións lexislativas en menos dun ano, ante a imposibilidade de formar Goberno despois das dúas anteriores.

Neste sentido explícase desde os medios israelís a viaxe de Benny Gantz á Casa Branca.  Nun primeiro momento valorou a posibilidade de non acudir á cita. Consideraba que dar a coñecer o plan antes do 2 marzo suporía unha "interferencia" nos comicios. Porén, pesoulle máis o impacto negativo que electoralmente tería non aparecer nesa foto, considerando ademais a gran popularidade de Donald Trump en Israel. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios