Sentenza do 'procès'

Pedro Sánchez: “Nunha democracia non se xulga por ideas políticas”

O presidente en funcións do Goberno español compareceu no mediodía desta segunda feira, 14 de outubro, para valorar -en español e en inglés- a sentenza do Tribunal Supremo contra as e os líderes do 'procès'. “Hoxe conclúe un proceso xudicial exemplar”, sinalou.

Pedro Sánchez, esta segunda feira
photo_camera Pedro Sánchez, esta segunda feira

O presidente en funcións do Goberno español, Pedro Sánchez, compareceu no mediodía desta segunda feira, 14 de outubro, desde a Moncloa para valorar a sentenza do Tribunal Supremo contra as e os líderes do procès, unha sentenza -dixo- que se deu con “plenas garantías”. Sánchez advertiu de que “o absoluto respecto e acatamento” da mesma “significa o seu íntegro cumprimento”.

“Ninguén está por riba da lei. Nunha democracia ninguén está xulgado polas súas ideas políticas senón por feitos que van en contra do ordenamento xurídico. En nome do Goberno quero recoñecer o labor do Tribunal Supremo que traballou de forma independente”, engadiu a continuación.

Sánchez argumentou que “a nosa Constitución recolle tres principios. O da igualdade dos cidadáns no cumprimento da lei. En segundo lugar, a diversidade territorial: a unidade de España aséntase na diversidade e nun alto nivel de autogoberno das Autonomías. E en terceiro lugar, como calquera Constitución democrática, na inviolabilidade da integridade territorial. A violación destes tres principios é a base da sentenza”.

Ao respecto, o presidente en funcións dixo que “a Constitución española onde máis apoio recibiu foi en Catalunya” cando foi referendada na urnas e que “o autogoberno catalán se sustenta no Estatut, que foi atropelado”, como tamén o foron -incidiu- “os dereitos da maioría non independentista”, polo que chamou ao “reencontro da sociedade catalá”.

Tamén advertiu de que o Goberno español manterase “atento” e “garantirá a convivencia e o respecto á legalidade democrática”. “Farémolo con firmeza, proporcionalidade e desde a legalidade”, afirmou. “Hoxe conclúe un proceso xudicial exemplar” e “confírmase o naufraxio dun proxecto político”, que “só deixou dor ao seu paso”, sostivo Sánchez.

Comentarios