A OTAN propón destinar 100.000 millóns de euros para Ucraína

A alianza militar celebrou esta cuarta feira o seu 75 aniversario.
Jens Stoltenberg a cuarta feira. (Foto: NATO / DPA)
photo_camera Jens Stoltenberg a cuarta feira. (Foto: NATO / DPA)

Aducindo a necesidade de estabelecer compromisos que vaian máis alá das entregas de axuda armamentística ou financeira a curto prazo, o secretario xeral da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), Jens Stoltenberg, defendeu a cuarta feira nunha reunión de titulares de Exteriores dos Estados membros da alianza militar controlada polos Estados Unidos un compromiso de varios anos para “instituír un marco máis previsíbel”.

Aínda que Stoltenberg rexeitou ofrecer detalles da proposición, a axencia Bloomberg ou o xornal Financial Times divulgaron que ascendería a 100.000 millóns de euros, unha cifra confirmada por participantes na cimeira, que engadiron que serían enviados ao longo dun lustro.

Stoltenberg adiantou que a decisión non se tomará na reunión que remata a quinta feira, insistindo en que “canto antes convenzamos Moscova de que non pode gañar, antes poderemos chegar a un acordo de paz”. Desde a invasión rusa, os Estados membros ou da contorna da OTAN comprometéronse con Kíiv a entregar máis de 250.000 millóns de euros, case 110.000 millóns só en armamento e material militar.

Porén, logo do fracaso da Unión Europea (UE) á hora de cumprir coa iniciativa de enviar nun ano un millón de proxectís de artillaría ao Exército ucraíno, Hadja Lahbib, ministra de Asuntos Exteriores belga, advertiu que é “perigoso” facer promesas que non se poden cumprir.

Pola súa parte, a presidenta do Executivo da UE, Ursula von der Leyen, reafirmou o “compromiso” do bloque comunitario “coa solidariedade transatlántica”, subliñando que a OTAN é “máis forte ca nunca” no seu 75 aniversario, que celebra a quinta feira. A pesar do vínculo de Bruxelas coa alianza militar catro Estados membros da UE non están integrados.

Diálogo para a paz

A proposta de Stoltenberg fíxose pública após revelar o chanceler alemán, Olaf Scholz, que varios países, incluída Ucraína, xa están a analizar como impulsar negociacións de paz con Rusia, logo de que a OTAN impedira un acordo de paz nos primeiros compases da invasión rusa.

Este debate, posterior ao fracaso da contraofensiva ucraína, chega no medio dos avances rusos na fronte de guerra e no marco do proceso electoral para a Presidencia estadounidense en novembro, cun candidato, o ex presidente Donald Trump, que ratificou que buscará a fin inmediata do conflito.

Comentarios