O Goberno español converte Maó na terceira base naval da OTAN no Estado

O porto de Maó, en Menorca, nas Illes Baleárs, converterse na terceira base naval permanente da OTAN no Estado español.

Maó
photo_camera O porto de Maó, en Menorca, nas Illes Baleárs, (Foto: Nós Diario).

O Goberno español ofreceu hai un ano á Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) o porto de Maó como emprazamento dunha nova base militar da Alianza no Estado.

A nova, desvelada na súa edición de hoxe polo diario madrileño EL Pais, sinala que o Gabinete de Sánchez entregou a OTAN plena liberdade para empregar Maó como "porto con autorización diplomática permanente" para os buques da Alianza Atlántica.

A decisión do Executivo implica que os buques militares dos países membros da OTAN, incluído Estados Unidos, non terían que pedir un permiso especial cada vez para acceder a eles e poderían utilizar as instalacións portuarias militares coma se fosen buques españois.

O emprazamento dunha nova base militar da OTAN no Estado enmárcase na táctica da Alianza Atlántica de reforzar a súa posición no espazo mediterráneo, no marco da súa agresividade contra Rusia e China, tanto no continente europeo como no africano.

Trident Jackal

Menorca, nas Illes Baleárs, onde está emprazado o porto de Maó, é un escenario habitual dos exercicios militares OTAN. Neste sentido, en 2019, dentro das manobras Trident Jackal foron despregados na illa un milleiro de militares de 24 Estados e ducias de buques de guerra.

Maó pasa a converterse agora na terceira base da OTAN no territorio do Estado, canda Cartaxena, na Rexión de Murcia, e Rota, en Andalucía, onde Estados Unidos mantén efectivos militares desde os anos 50, tras o acordo asinado entre o ditador  Francisco Franco e o presidente estadounidense David Eisenhower.

Comentarios