A OSCE critica os "esforzos" por minar a confianza na democracia nos Estados Unidos

Os republicanos están perto de facerse coa Cámara de Representantes, outra cousa é o Senado, con moitas posibilidades de que a maioría non fique definida até a segunda volta en Xeorxia, que decorrerá a comezos de decembro.
O ex presidente Donald Trump. (Foto: Orit Ben-Ezzer / ZUMA Press Wire / d / DPA)
photo_camera O ex presidente Donald Trump. (Foto: Orit Ben-Ezzer / ZUMA Press Wire / d / DPA)

“As eleccións intermedias ao Congreso do 8 de novembro foron competitivas e xestionáronse de maneira profesional”, corroboraron na madrugada de onte as observadoras e observadores da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE).

Así e todo, advertiron de “esforzos por socavar a confianza dos votantes no proceso electoral” nos Estados Unidos, por medio da xeración de dúbidas “sen fundamento” sobre a limpeza dos comicios, o que pode implicar “desafíos sistémicos”, incidiu a coordinadora especial da misión, Margareta Cederfelt.

Amais de cuestionar un marco xurídico “complexo e diverso”, no que cada Estado acaba por fixar as súas normas, Cederfelt insistiu en que a redistribución de distritos efectuada polos republicanos para tratar de garantir a súa representación provocou que certas circunscricións non foran competitivas.

No que atinxe ao reconto electoral, á hora de feche desta edición aínda non era posíbel determinar que formación obtén o control das dúas cámaras do Congreso, a Cámara de Representantes e o Senado. Na primeira, o Partido Republicano está moi perto de conseguir a maioría, superando por 209 a 186 escanos os demócratas, cunha maioría fixada en 218 asentos e liderando o escrutinio en distritos dabondo para obtela.

Con respecto ao Senado, continúa o reconto en Nevada e Arizona, que poden decantar a balanza no empate a 48 que persiste, 49 virtualmente para os republicanos, con dúas candidatas súas disputándose o posto de senadora por Alaska. 

A responsabilidade de Donald Trump

Os resultados dos republicanos, inferiores ás predicións feitas polas empresas demoscópicas, tamén están a provocar peticións no seo do equipo do ex presidente Donald Trump para que atrase a previsíbel presentación da súa candidatura ás eleccións presidenciais de 2024, que anunciara para o 15 de novembro.

Asemade, os medios locais destacan o impacto de Trump por impulsar candidatos de extrema dereita como un dos motivos do desencanto dunha parte do electorado cos republicanos. O ex presidente cualificou as eleccións como “unha decepción”, xustificándose en que os candidatos que recibiron o seu apoio obtiveron mellores resultados.

Mentres, o mandatario actual, Joe Biden, sostivo que a comezos de 2023 tomará unha decisión definitiva sobre se decide presentarse á reelección, tras insinuar semanas atrás que a resolución xa estaba tomada.

Comentarios