Os republicanos parten coa vantaxe das enquisas nas eleccións de hoxe nos EUA

Biden trata de evitar unha derrota na Cámara de Representantes e no Senado que lle dificultaría aplicar o seu programa cando menos até 2024, mentres os Republicanos buscan gañar o primeiro asalto dunhas eleccións presidenciais cun moi probábel novo enfrontamento Biden-Trump.

Michelle Lujan Grisham, gobernadora de Novo México, e Joe Biden, presidente dos EUA, nun acto de campaña a quinta feira. (Albuquerque Journal via ZUMA / d / DPA)
photo_camera Michelle Lujan Grisham, gobernadora de Novo México, e Joe Biden, presidente dos EUA, nun acto de campaña a quinta feira. (Albuquerque Journal via ZUMA / d / DPA)

O Partido Republicano aspira a facerse hoxe coa maioría no Congreso dos Estados Unidos nas eleccións de metade de lexislatura presidencial, que renovarán os 435 escanos da Cámara de Representantes e 34 dos 100 asentos do Senado. Tamén están en xogo as Gobernacións de 36 Estados.

Ao seu favor teñen as enquisas dos últimos meses, que aínda que en votos totais revelan certa igualdade, confirman que nos distritos electorais máis disputados, onde se determinará se son republicanos ou demócratas os que alcanzarán a maioría, 48% dos votantes probábeis opta polos primeiros, cinco puntos máis que o apoio ás candidaturas demócratas, apunta a empresa demoscópica SSRS.

Así e todo, a vitoria duns ou doutros non presupón un apoio maioritario ás políticas destas formacións, pois até 40% da poboación sostén que ningún dos candidatos nas súas circunscricións ten un plan claro para resolver os problemas que padece o territorio.

As políticas gobernamentais estiveron no centro do esforzo demócrata para tratar de reverter unha derrota que dificultaría enormemente a acción política do presidente, Joe Biden, nos vindeiros dous anos, e máis adiante incluso no caso de imporse nos comicios presidenciais de 2024, nos que xa anunciou que buscaría a reelección.

O aumento de apoios tras ser promulgada a Lei de redución da inflación, que incluía boa parte das propostas sociais do gabinete, levou o mandatario a multiplicar os anuncios para tratar de conter os aumentos dos prezos, como a venta de 15 millóns de barrís da súa reserva de petróleo.

Os demócratas prometen unha lei do aborto

Porén, a cuestión que centrou as últimas semanas de campaña é o dereito ao aborto, cos Estados demócratas tratando de garantilo e os republicanos impulsando lexislacións que o prohiban -12 Estados xa o fixeron- despois da sentenza do Tribunal Supremo en xuño que anulaba a protección constitucional a este dereito, abrindo a porta a que os territorios teñan a última palabra.

Para volver cando menos á situación previa, a única vía é que o lexislativo aprobe unha norma a nivel federal nese sentido, e este é o principal argumento esgrimido por Biden, comprometéndose a aprobar unha lei ao respecto se finalmente se impoñen.

Aínda así, enquisas elaboradas polo partido aseguran que as cuestións máis importantes para as e os votantes á hora de determinar o voto son a economía (75% dos entrevistados), a inflación (70%) e a inmigración (65%), mentres que o aborto recibe 63% e o cambio climático 60%.

Son precisamente a inflación, que alcanzou 8,2% e a situación da economía, que entrou en recesión en xullo, así como a inmigración, os asuntos nos que máis fincapé fan tanto os republicanos como os medios conservadores.

Precisamente, unhas das primeiras medidas anunciadas por Kevin McCarthy, o líder republicano na Cámara de Representantes, é un xuízo político ao secretario de Seguridade Nacional, Alejandro Mayorkas, ao que culpan do aumento da migración provinte da fronteira con México.

Asemade, cuestionou os fondos enviados a Ucraína para armar o seu Exército, sinalando que “non pode ser un cheque en branco”, e reiterou a necesidade de facer recortes na Administración.

Primeiro asalto das eleccións presidenciais

A pesar das investigacións contra o ex presidente Donald Trump polo seu vencello co intento de asalto do Congreso en xaneiro de 2021, interferencia electoral, delitos financeiros e eliminación de documentos oficiais, o mandatario abriu a porta a presentarse en 2024. A pesar diso, Ken Griffin, un dos principais doantes republicanos, pediu onte un candidato diferente.

En todo caso, tras intentar negar a vitoria de Biden acusándoo de utilizar métodos fraudulentos, as eleccións estatais en Arizona, Michigan ou Pensilvania poden levar a postos chave destes Estados a dirixentes republicanos que se puxeron de parte de Trump e trataron de evitar o traspaso de poderes, e que nesta ocasión contarían con maior capacidade á hora de impugnar os comicios se os seus resultados non lles son favorábeis.

Comentarios