Dan comezo as eleccións de metade de mandato nos EUA coas sondaxes apuntando a unha maioría republicana

A votación determinará a composición do Senado e a Cámara de Representantes, onde a maioría das sondaxes apuntan a unha posíbel vitoria do Partido Republicano.
Esta terza feira comezaron as votacións na costa leste dos EUA (Foto: Jessica Gallagher / Dispatch Argus / DPA).
photo_camera Esta terza feira comezaron as votacións na costa leste dos EUA (Foto: Jessica Gallagher / Dispatch Argus / DPA).

Os colexios electorais dos Estados Unidos de América abriron esta terza feira as súas portas na costa leste para unhas eleccións de metade de mandato, as coñecidas como Midterm nas cales o Partido Demócrata tentará manter a súa maioría nas dúas cámaras do Congreso para os dous últimos anos do mandato do presidente, Joe Biden.

A votación presencial, que arrinca despois de que perto de 42 millóns de persoas votasen por correo (segundo datos do 'US Elections Project' da Universidade de Florida), determinará a composición do Senado e a Cámara de Representantes, onde a maioría das sondaxes apuntan a unha posíbel vitoria do Partido Republicano.

No centro do proceso figuran seis estados que poderían ser chave nun posíbel envorco electoral, entre eles os cinco nos cales Biden logrou arrebatar o control en 2020 aos republicanos (Arizona, Xeorxia, Michigan, Pennsilvania e Wisconsin), ademais de Nevada, tal e como recolleu a cadea de televisión estadounidense CNN.

435 escanos

Durante as eleccións estarán en disputa os 435 escanos da Cámara de Representantes, así como 35 no Senado. Ademais, hai votacións que afectan organismos lexislativos estatais, gobernacións e consellos locais.

O propio Biden defendeu o pasado domingo as medidas executadas durante o seu mandato á fronte da Administración durante un mitin para apoiar a candidatura da gobernadora de Nova York, Kathy Hochul, no marco da campaña para as midterm.

Así, destacou que o seu predecesor, Donald Trump, "deixou en ruínas" a economía, e recalcou que foi o primeiro mandatario á fronte da Administración que provocou unha taxa de desemprego maior desde a época de Herbert Hoover.

O propio Trump volveu ser noticia nas últimas horas no marco do inicio das midterm. Desta vez arremeteu  contra a presidenta da Cámara de Representantes, a demócrata Nancy Pelosi, á que chamou "animal", despois de utilizar o mesmo termo para referirse a un ‘pandilleiro’ condenado por asasinato.

Comentarios