Organizacións xuvenís independentistas das nacións sen estado apostan nun traballo conxunto

Con motivo do aniversario da Constitución española presentaron en Madrid 'Somos o voso pesadelo', un manifesto no que aseguran aspiran "a derrubar definitivamente" o "réxime capitalista español". 

Somos o voso pesadelo
photo_camera Leitura do manifesto 'Somos o voso pesadelo' en Madrid

Representantes de organizacións xuvenís das nacións sen estado presentaron o pasado 6 de decembro en Madrid, 'Somos o voso pesadelo' unha dinámica de traballo conxunta que visa, din, "visibilizar" e "afortalar" as súas loitas contra o Estado español e o "réxime capitalista" que representa a Constitución española. 

A través da leitura dun manifesto difundido tamén a través dos seus portais web, ARRAN, AZARUG, BRIGA, DARRÉU, ERNAI, INEKAREN, ISCA!, JALEO!!!, PURNA e YESCA afirmaron na madrileña Praza de Oriente a súa "vontade de tomar as rendas" dos destinos dos seus pobos e defenderen o seu "dereito a decidir" face quen lles "nega", sinalaron, "o dereito á existencia e a un futuro digno". 

Neste senso, as organizacións xuvenís presentes na comparecencia de imprensa anunciaron a creación dun "espazo de loita estratéxico" no que unirán folgos na procura da soberanía nacional de dos distintos territorios, entre eles, Catalunya, Galiza e Euskal Herria.

"Perante o seu capitalismo devorador, perante o seu imperialismo españolizador e perante o patriarcado", apuntan no manifesto, "a xuventude alegre e combativa" defende "a liberación nacional, social e sexual dos nosos pobos". 

Comentarios