A oposición turca reivindica unha vitoria "histórica" nas municipais

O opositor CHP gobernará as cinco cidades máis poboadas. No Kurdistán venceu a opción pro-kurda en boa parte das localidades.
Turkish people vote in Istanbul in the Turkish local elections
photo_camera Mesa electoral este domingo (Foto: Europa Press / Contacto / Shady Alassar)

A oposición turca superou o partido do presidente Recep Tayyip Erdogan nas eleccións municipais nas dúas principais cidades do país, Istambul e Ankara. Erdogan admitiu a derrota nun discurso na medianoite do domingo á segunda feira e asegurou que "gañou a democracia".

"Isto non é un fin, senón un punto de inflexión", dixo Erdogan, lembrando que fican catro anos por diante para as próximas eleccións xerais. O partido do mandatario, AKP, gobernaba 38 capitais provinciais desde as municipais de 2019, mais de se confirmar os resultados só terá 23 a partir de agora.

O partido socialdemócrata CHP subiu de 22 a 36, entre eles algunhas prazas fortes do AKP como Bursa, a cuarta cidade do país. Ampliou a súa vantaxe en Istambul e Ankara, cidades que gañou ao AKP en 2019 logo dun cuarto de século de gobernos municipais islamitas. Tamén avanzou o partido esquerdista prokurdo DEM, antes HDP, que sobe de 8 a 10 capitais provinciais, mentres que o ultra MHP, aliado de Erdogan, baixa de 11 a 8.

O presidente de TurquíA admitiu no seu discurso que o resultado das eleccións municipais, nas que a oposifción proclamou unha "vitoria histórica", non era o "desexado". Con máis de 90%  escrutado, a votación mostrou unha derrota, por primeira vez en dúas décadas, do AKP, e un avance da formación socialdemócrata CHP, que logrou unha vantaxe de 10 puntos do actual alcalde de Istambul.

En total renovábanse 15.000 cargos públicos entre alcaldes, membros das asembleas municipais e representantes veciñais sen adscrición partidista.

Após escrutar máis de 92% dos votos en Istambul, a cidade máis grande de Europa e motor económico de Turquía, Ekrem Imamoglu, actual alcalde de Istambul e candidato do opositor CHP, rexistraba 50,92% dos votos fronte ao 40,05% do candidato do AKP, Mourat Kouroum, ex ministro do Goberno de Erdogan.

O actual alcalde de Ankara (a capital), Mansur Yavas, tamén se presentou á reelección polo CHP e declarou a súa vitoria, segundo os primeiros resultados, que lle dan unha vantaxe de case 20% sobre o seu rival do partido gobernante AKP.

Kurdistán

En Diyarbakir, capital histórica do Kurdistán turco, a candidata do Partido pola Igualdade e a Democracia dos Pobos (DEM), Ayse Serra Bucak Küçük, foi a candidata máis votada co 64,4%.

A segunda opción foi Mehmet Halis (AKP, 16,%), cando se leva o 75% escrutado. O DEM sería ademais o partido máis votado no mínimo dez provincias kurdas do sueste de Turquía como Mardin, Batman, Siirt, Hakkari, Van e Igdir.

O partido gobernaría ademais en municipios como Tunceli, até o de agora controlado polo Partido Comunista de Turquía (TKP), Agri ou Mus, ambas as dúas gobernadas até o de agora polo AKP. Perde en cambio Kars, onde gobernará o ultradereitista MHP. O DEM consolídase como herdeiro do Partido Democrático dos Pobos (HDP), cuxos concellos foron intervidos polo suposto apoio da formación á guerrilla do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK). "Non só imos recuperar o que nos quitaron os interventores, senón tamén o que nos quitaron con enganos", declarou o portavoz do DEM Said Aysegul Dogan, citado pola televisión Rudaw.

O partido prokurdo denunciou que máis de 46.000 votantes foron trasladados desde outras provincias para tentar influír no resultado das eleccións nas cidades kurdas, moitos deles policías e militares.

Comentarios