A oposición ecuatoriana acusa Lasso de "golpismo"

O Consello convocará eleccións en sete días.
Diana Atamaint, presidenta do Consello Nacional Electoral. (Foto: CNE Ecuador)
photo_camera Diana Atamaint, presidenta do Consello Nacional Electoral. (Foto: CNE Ecuador)

O ex presidente ecuatoriano Rafael Correa cualificou esta quinta feira a medida do actual mandatario, Guillermo Lasso, de disolver a Asemblea Nacional como o "último cravo no seu propio ataúde político", despois de sinalar que se trata dun "golpe de Estado". Correa, ademais, asegurou que non existe unha "grave conmoción social" que sustente o decreto de ' morte cruzada' [disolución da Cámara].

"Obviamente non hai ningunha 'conmoción interna'. Tan só non puido comprar suficientes asembleístas para salvarse. En todo caso, é unha grande oportunidade para librarnos de Lasso, do seu Goberno e dos seus asembleístas de aluguer, e recuperar a patria", sinalou.

Lasso recorreu a pasada cuarta feira a unha disposición constitucional bautizada como 'morte cruzada', en virtude da cal o Parlamento queda disolto pero tamén pon en xogo a súa continuidade. O presidente argumentou que o Ecuador se atopaba inmerso nunha "grave crise política" pola actividade da Asemblea, que iniciara xa un proceso de xuízo político contra Lasso por acusacións de suposta corrupción.

Pola súa parte, o presidente da Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador (Conaie), Leonidas Iza, advertiu con "manterse vixilante" após a decisión de Lasso. "Declarámonos en vixilia permanente en defensa dos intereses do pobo ecuatoriano", sinalou nunha rolda de prensa na que non convocou protestas sociais, a pesar de que de durante as últimas semanas anticipara que o faría se o mandatario disolvía a Asemblea. 

A diferenza de Iza, a Fronte Popular, que agrupa varios sindicatos, non descartou mobilizacións nas rúas, xa que consideran que a aplicación da 'morte cruzada' é inconstitucional.

20 de agosto

O Consello Nacional Electoral (CNE) do Ecuador baralla o 20 de agosto como "data tentativa" para convocar as eleccións presidenciais e lexislativas, de obrigada celebración despois de que o presidente ecuatoriano disolvera a pasada cuarta feira por decreto a Asemblea Nacional.

Avanzouno esta quinta feira a presidenta do CNE, Diana Atamaint, que anticipou nunha entrevista o calendario electoral, que aínda debe ser tratado polo pleno. O Consello debe anunciar en menos dunha semana a data, co 20 de agosto como opción para a primeira volta, e o 15 de outubro, para a segunda.

Comentarios