As eleccións en Ecuador ratifican o rexeitamento ao Goberno de Lasso

O "non" vencería en todas as preguntas do referendo impulsado polo mandatario conservador, ao tempo que os progresistas se consolidan nas principais prazas electorais de Ecuador.
Guillermo Lasso. (Foto: Bolívar Parra / Presidencia de Ecuador)
photo_camera Guillermo Lasso. (Foto: Bolívar Parra / Presidencia de Ecuador)

As eleccións que decorreron o pasado domingo en Ecuador, na que foron electas Alcaldías, Prefecturas e outros cargos locais, amais de votarse as oito preguntas do referendo impulsado polo presidente do país, o conservador Guillermo Lasso, supuxeron unha importante vitoria de Revolución Cidadá, o movemento progresista impulsado polo ex presidente Rafael Correa, e unha impugnación ás políticas do mandatario.

Os comicios rexistraron unha participación de 80,74% das e dos potenciais votantes.

Os principais éxitos dos progresistas tiveron lugar en Quito e Guayaquil, as dúas cidades ecuatorianas con máis poboación, e cuxos novos alcaldes serán Pabel Muñoz e Aquiles Álvarez, respectivamente. Nesta última cidade a vitoria de Álvarez pon fin á tres décadas de Goberno continuado do Partido Social Cristián.

Estas urbes son ao tempo as capitais das provincias de Pichincha e Guayas, que suman 40% dos habitantes do país, e nas que tamén se impuxo Revolución Cidadá, que as xestionará no vindeiro período.

Aínda así, a principal baza de Lasso era o referendo constitucional, unha proposta que para as forzas progresistas era apenas un intento de reforzar a súa posición á fronte do país, polo que reclamaron o “non” nas oito preguntas, que contiñan desde unha proposta para permitir a extradición de cidadáns “relacionados co crime organizado trasnacional”, a unha iniciativa para reducir o número de lexisladores, outra vinculada cos requisitos para os partidos políticos ou unha na que prevía compensacións pola xeración de servizos ambientais.

En contra dos vaticinios dos traballos demoscópicos previos, á hora do feche desta edición o “non” gañaba no reconto de todas as preguntas, cunha porcentaxe de escrutinio que variaba entre 65% e 18% segundo as cuestións.

Auxe da violencia

O incremento da violencia en Ecuador é unha das principais preocupacións no país, unha situación que o Gabinete de Lasso non está a ser capaz de mudar. A finais de 2022, as cifras oficiais reportaban unha taxa de homicidios de 25 mortes por cada 100.000 habitantes.

No marco dese aumento da violencia foi asasinado un día antes das eleccións Omar Menéndez, candidato progresista en Puerto López, na provincia de Manabí, que recibiu cando menos 10 disparos nunha zona comercial. Con carácter póstumo, a localidade rematou por elixir a Menéndez como alcalde nos comicios.

Comentarios