O PCF deixa caer a fouce e o martelo

No seu XXXVI Congreso o Partido Comunista Francés abandona o emblema do campesiñado e do proletariado en aras de se enmarcar na nova esquerda europea.

A decisión adoptada do XXXVI Congreso do PCF espertou a ira entre algunha das persoas que o integran. Neste senso, Emmanuel Dang Tran, secretario do partido en París, asegurou que a decisión chocara "a todo o mundo" e que supuña a desaparición da organización que pasará a ser "engolida por outra", aseverou Dan Tran a unha radio francesa, en clara alusión á aproximación que a dirección política do PCF quer facer coa denominada "esquerda europea". Tamén así acusou o secretario e demais dirixentes do partido de se "vender a unha democracia social feita de verdes, socialistas troskistas e eu non sei quen máis". 

O secretario xeral do PCF, Pierre Laurent, salientou que a decisión de eliminar a fouce e o martelo como símbolo do partido respondía á adaptación deste "ás realidades actuais". "Queremos virar para o futuro", puxo en destaque Laurent, quen considera que o símbolo comunista por excelencia non representa "a realidade do que somos hoxe" e mesmo afirmou que este non é "tan relevante" entre a nova fornada de comunistas. 

Esta non é a primeira mudanza que trascende das filas do PCF. Neste senso, o partido apoiou publicamente a intervención militar francesa en Mali, o que xerou fortes discrepancias no seo da súa militancia máis crítica ao acusar á dirección de rachar coa solidariedade internacionalista inherente ao ideario comunista.

Comentarios