Nauru racha con Taiwán e reduce o seu recoñecemento a 12 Estados após as eleccións

O presidente electo reúnese con Washington.
Lai Ching-te (centro), novo presidente de Taiwán, o domingo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lai Ching-te (centro), novo presidente de Taiwán, o domingo. (Foto: Nós Diario)

A República de Nauru, situada nunha illa no oeste do océano Pacífico, anunciou hoxe que puxo fin ás relacións diplomáticas con Taiwán e procedeu a recoñecer a República Popular China, polo que apenas 12 Estados, a meirande parte pequenos territorios de Oceanía e América, manteñen o recoñecemento a Taipei.

A decisión fíxose pública apenas dous días despois das eleccións xerais en Taiwán, nas que Lai Ching-te, do Partido Progresista Democrático, próximo aos Estados Unidos, foi escollido como novo presidente, porén, a formación perdeu a maioría absoluta no lexislativo, que estará controlado polo Kuomintang e o Partido Popular, considerados máis achegados á China, que considera Taiwán como parte do seu territorio e defende a reunificación.

Lai, que tomará posesión o 20 de maio, reuniuse hoxe cunha delegación non oficial dos Estados Unidos pouco despois de que o grupo se xuntara coa presidenta en funcións, Tsai Ing-wen. O Ministerio de Asuntos Exteriores chinés subliñou que "a cuestión de Taiwán é un asunto interno da China".

Comentarios