Morren dúas persoas por un ataque de Israel contra a única igrexa católica da Faixa de Gaza
Cando menos dúas persoas morreron esta quinta feira a causa dun ataque lanzado polo Exército de Israel contra a Igrexa da Sagrada Familia da cidade de Gaza, o único templo católico existente na Faixa, un ataque non resultou ferido un cura e que levou o papa León XIV a reclamar un cesamento do fogo.
A Defensa Civil de Gaza sinalou que na igrexa había unhas 400 persoas desprazadas que buscaran refuxio nas instalacións antes do ataque, mentres que o Patriarcado Latino de Xerusalén confirmou que entre os feridos está o pai Gabriel Romanelli, próximo ao falecido papa Francisco, a quen deu numerosas actualizacións sobre a situación durante os ataques de Israel.
"A igrexa sufriu danos", manifestou nun comunicado, tras o que o patriarca latino de Xerusalén, o cardeal Pierbattista Pizzaballa, recalcou que o lugar foi alcanzado polo disparo dun carro de combate. "As Forzas de Defensa de Israel (FDI) din que foi un erro, mais non estamos seguros diso. A igrexa foi atacada de forma directa", apuntou.
O papa León XIV expresou a súa "profunda tristura" pola "perda de vidas e os feridos a causa do ataque militar" contra a igrexa e fixo un novo chamamento a "un alto o fogo inmediato" en Gaza, segundo un telegrama publicado polo secretario de Estado do Vaticano, Pietro Parolin.
O Pontífice trasladou a Romanelli e "a toda a comunidade" cristiá no enclave palestino a súa "proximidade espiritual", ao tempo que expresou a súa "profunda esperanza" para "un diálogo, unha reconciliación e unha paz duradeira na rexión", segundo o citado telegrama.
Israel di que investiga
O Exército de Israel sinalou nunha mensaxe que "é consciente das informacións sobre danos causados á Igrexa da Sagrada Familia na cidade de Gaza e sobre vítimas no lugar", antes de asegurar que o suceso está a ser investigado polas autoridades israelís.
"As circunstancias do incidente están sendo revisadas. As FDI levan a cabo todos os esforzos posíbeis para reducir os danos aos civís e as estruturas civís, incluídos os lugares relixioso, e lamentan calquera dano causado os mesmos", concluíu o Exército a pesar dos reiterados crimes que ten perpetrado.

