Aeronaves israelís bombardean novamente Gaza mentres seguen as protestas en Xerusalén

A pasada semana, as autoridades israelís deixaron máis de 150 persoas feridas nunha protesta na mesquita de Al Aqsa, en Xerusalén.
Protesta en apoio aos palestinos feridos na mesquita de Al Aqsa. (Foto: Anas Alkharboutli / dpa)
photo_camera Protesta en apoio aos palestinos feridos na mesquita de Al Aqsa. (Foto: Anas Alkharboutli / dpa)

Aeronaves do exército israelí bombardearon novamente territorio de Gaza na madrugada da cuarta para a quinta feira, "en resposta ao lanzamento dun foguete", segundo xustificou o Ministerio de Defensa de Israel.

Nun comunicado, as autoridades israelís explican que os avións atacaron un posto militar e o acceso a un túnel "terrorista" que "conduce a un complexo subterráneo central, que contén produtos químicos crudos empregados para a fabricación de motores de foguetes". 

Israel culpou do lanzamento do foguete o Movemento de Resistencia Islámica (Hamás), que impactou no exterior dunha residencia na cidade de Sderot, sen ocasionar danos persoais, só materiais.

En resposta, os avións do Exército do Aire de Israel despregáronse na Franxa de Gaza e procederon a bombardear varias zonas como represalia. Polo de agora non se notificaron vítimas mortais.

Protestas en Xerusalén

O novo ataque de Israel en territorio palestino tivo lugar mentres seguen a producirse protestas e concentracións na Explanada das Mesquitas, no centro de Xerusalén.

Esta mesma mañá tivo lugar unha nova protesta da poboación palestina na cidade, antes de que un grupo de xudeus visitase o lugar, un dos máis sagrados para o xudaísmo e o islam. Para Palestina, estas visitas son unha "provocación", e máis no mes do Ramadán.

A pasada semana, nunha protesta semellante, as forzas e corpos de seguridade de Israel arremeteron contra os manifestantes, obrigando algúns a refuxiarse na mesquita Al Aqsa, a terceira máis importante do islam.

Pese a que nun primeiro momento o Goberno de Israel negou que accedera á mesquita, un dixital compartiu unhas imaxes nas que se apreciaba como a policía accedeu ao edificio disparando pelotas de goma e golpeando os palestinos que alí se atopaban. Este ataque deixou máis de 150 feridos.

Incremento da tensión

A situación de tensión entre Israel e Palestina, sempre presente, vén de incrementarse no último mes, coincidindo coa celebración do Ramadán.

As continuas redadas do exército de Israel e os ataques das milicias de Palestina deixaron polo de agora 14 vítimas en territorio israelí e máis de 20 palestinos falecidos, varios deles menores de idade.

Comentarios