A extrema dereita gobernará a Arxentina: "Todo o que poida estar en mans do sector privado estará en mans do sector privado"
Con case tres millóns de votos de diferenza fronte ao progresista Sergio Massa, candidato da Unión pola Patria e ministro de Economía, Javier Milei, da extrema dereita da Liberdade Avanza, fíxose co triunfo na segunda volta das eleccións presidenciais na Arxentina, segundo se confirmou na madrugada de hoxe, e será o novo mandatario a partir do 10 de decembro, cando tome posesión en substitución de Alberto Fernández.
Será a primeira vez que a extrema dereita volva ao Goberno despois da ditadura militar que rematou hai catro décadas.
Malia que as enquisas outorgaban posibilidades a ambos os dous candidatos, Milei superou Massa por máis de 10 puntos (55,69% a 44,3%) nuns comicios con 76% de participación. Nunha das primeiras entrevistas após a vitoria, o ultradereitista proclamou que “todo o que poida estar en mans do sector privado vai estar en mans do sector privado”, en referencia a empresas públicas como a petroleira YPF.
Asemade, fixo fincapé na aplicación dunha axenda que inclúe a fin do Banco Central ou das axudas públicas, así como a desaparición do peso, adiantando un “axuste fiscal” que segundo el “non pagarán os arxentinos de ben senón os políticos”.
Massa, que se impuxera na primeira volta das presidenciais con 37% dos sufraxios por 30% de Milei, aceptou a derrota electoral antes de facerse públicos os resultados oficiais e desbotou manterse á cabeza da agrupación progresista, recalcando que “hoxe acaba unha etapa da miña vida política”. O secretario xeral da Presidencia, Julio Vitobello, defendeu o desenvolvemento dos comicios e a transparencia no decorrer da xornada, negando as acusacións de fraude que a extrema dereita lanzara poucos días antes das votacións.
En todo caso, e a pesar de ser elixido presidente, Milei terá que negociar cada medida de forma individual para que sexan aceptadas polo Congreso, onde as e os representantes da súa forza contan con menos de 15% dos asentos na Cámara de Deputados e de 10% no Senado.
A isto hai que engadir que a coalición conservadora Xuntos polo Cambio, cuxa candidata, Patricia Bullrich, ofreceulle o seu apoio na segunda volta, está ao bordo da ruptura por ese motivo, polo que as súas posibilidades de conseguir o apoio dunha maioría lexislativa clara son moi baixas, e algo que no mellor dos casos só acontecería na Cámara Baixa.
No sistema político arxentino, do Congreso tamén dependen os decretos de urxencia ou a convocatoria de plebiscitos, unha das propostas de Milei para forzar a aprobación de reformas ás que o lexislativo negue a súa aprobación.
O certo é que “Milei ten unha debilidade estrutural para poder avanzar na súa axenda”, explica o politólogo Sergio Berensztein, que advirte que “nun país federal como a Arxentina, onde os gobernadores teñen un peso extraordinario, non ten un só gobernador do seu partido”, polo que afirmou que terá “unha debilidade enorme”.
Lonxe dos Brics
No que atinxe á política exterior, Milei insistira en múltiples ocasións en que se afastaría do Brasil e a China por “comunistas” e ataría lazos cos Estados Unidos e Israel. De feito, visitará estes dous países antes da súa toma de posesión.
A súa elección tamén impedirá que a Arxentina entre no grupo Brics o vindeiro 1 de xaneiro, algo que confirmou Diana Mondino, principal candidata a dirixir Exteriores no mandato de Milei, que salientou que non hai un “interese especial” no ingreso.