México: 500 anos da "resistencia indíxena"

Tal día como hoxe de 1521 consumábase a toma da capital dos mexicas. A fin do imperio azteca. Os historiadores salientan a complexidade para contextualizar aquela época, mais nacional e politicamente para México supón un feito fundacional. No entanto, da outra beira do Atlántico, a actual España non se dá por aludida.

Tenochtitlan2
photo_camera Esculturas de cabezas de aguia real no Templo Maior de Tenochtitlan, próxima ao Zócalo, a praza principal de Cidade de México (Foto: Goberno de México)

Silencio. Esa é a resposta que recibiu México por parte de España ante a petición de Andrés Manuel López Obrador, a comezos de 2019, dunha declaración de desculpas polos abusos cometidos durante a conquista de América. Lamentábao así o pasado mes de xullo o presidente mexicano: "Enviei unha carta e non teñen nin sequera a delicadeza de a responder".

"Era importante que o Goberno de España, como un xesto de boa vontade para mellorar as nosas relacións, para dar novas razóns ás relacións históricas, que se ofrecesen desculpas polos excesos de autoritarismo, roubo e saqueo", sinalaba López Obrador, a respecto da misiva dirixida ao xefe do Estado español, o monarca Felipe VI.

Posteriormente, o Goberno do primeiro ministro, Pedro Sánchez, rexeitou "con toda firmeza" a carta e sinalou que "a chegada hai 500 anos dos españois ás actuais terras mexicanas non se pode xulgar á luz de consideracións contemporáneas". Non obstante, son algúns os Estados contemporáneos, como Alemaña no caso de Namibia ou Bélxica no Congo, que comezaron a dar pasos neste sentido. 

Na orixe do Estado-nación

A historia de México ─principal país inversor en España─ xira arredor da conquista. Un feito fundacional do que puido ser e non foi, ou do que é e non consegue deixar de ser. Nace co imperio azteca, morre coa conquista e renace, tras tres séculos de virreinato español, coa independencia de 1821. Deixando a un lado os feitos históricos, con todos os seu matices, os alicerces da nación mexicana ─un concepto que cristaliza,,como no resto do mundo, a partir do século XIX─ descansan sobre aquel 13 de agosto de 1521. 

Nese día, hai hoxe 500 anos, Hernán Cortés facíase co poder de Tenochtitlan, capital dos mexica. "Houbo matanzas, imposicións. A chamada 'conquista' fíxose coa espada e coa cruz. Edificáronse as igrexas enriba dos templos. Excomungouse os nosos heroes patrios. É o tempo de dicir 'ímonos reconciliar', mais primeiro pidamos perdón", insistiu López Obrador na presentación dos actos de conmemoración da efeméride.

"Herdanza de clasismo"

Data que non é a única de referencia neste 2021. Tamén coincide (os rexistros varían e non se coñece con precisión) cos 700 anos da fundación de Tenochtitlan por parte dos aztecas; e cos 200 anos da independencia mexicana de España (da provincia de Nueva España, concretamente). 

Hoxe, no lugar onde se erixía, en Cidade de México, actual capital, están previstos varios coloquios, alén dos actos institucionais no oficialmente chamado "Día da Resistencia Indíxena".

Coloquios sobre pobos orixinarios, mulleres indíxenas ou a guerra por Tenochtitlan que se veñen sucedendo desde hai un mes para "cuestionar a palabra conquista", segundo sinalou a alcaldesa de Cidade de México, Claudia Sheinbaum. Para analizar ─dixo─ o "racismo e clasismo" que ocasionou como parte da "herdanza colonial". Debates e declaracións que, independentemente dos cinco séculos de distancia, demostran que o dano xerado deixou unha ferida aínda aberta na sociedade mexicana. 

'Yaopan', o videoxogo que desmitifica a "traizón" aos aztecas

Cando os españois desembarcaron, os aztecas estaban en guerra con varias nacións indíxenas mesoamericanas que querían pór fin ao seu dominio. Entre estas, os tlaxcaltecas, que acabaron aliándose con Hernán Cortés para tomar Tenochtitlan. Un equipo de programadores e historiadores da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) desenvolveu o videoxogo Yaopan, co que se busca desmitificar a narrativa que puxo como "traidores" os tlaxcaltecas. "Aproveitáronse da chegada dos españois", explicou Federico Navarrete en declaracións a La Jornada. O historiador asegurou onte na conferencia La Conquista: Revisiones incómodas que se calcula "entre 500 e 1000 españois e entre 50.000 e 100.000 combatentes mesoamericanos". "Esta simple estatística ─sostivo─ dá unha idea de por que non podemos afirmar que os españois conquistaron México". 

Comentarios