O acaparamento de gas da UE espalla a crise aos países emerxentes de Asia

A subministración de gas natural será escasa até 2026 por mor das compras masivas de gas da UE, que están a impedir o acceso doutros Estados por un acaparamento superior incluso á súa capacidade de regasificación.
Barco metaneiro entrega gas natural licuado de Australia no Reino Unido en agosto, na primeira compra a este país desde 2016. (Foto: Gareth Fuller / PA Wire / dpa)
photo_camera Barco metaneiro entrega gas natural licuado de Australia no Reino Unido en agosto, na primeira compra a este país desde 2016. (Foto: Gareth Fuller / PA Wire / dpa)

Ducias de barcos metaneiros -con gas natural licuado- dan voltas polos portos europeos nas últimas xornadas, incapaces de descargar polo alto volume de compras de gas natural da Unión Europea (UE), superior á capacidade de regasificación, que permite usar o gas en industrias e fogares.

Esta situación chega a pesar das críticas reiteradas polos altos prezos que cobran os Estados Unidos, o que non evita que o bloque comunitario continúe un proceso de acaparamento de gas para substituír o antes posíbel a porción que era vendida por Rusia (40% do gas natural consumido en 2021), impulsando a alza os prezos mundiais polo maior custo do gas natural licuado, máis caro do que chega por gasoduto.

Este proceso está a incidir, en casos de xeito catastrófico, na economía de varios Estados de Asia en vías de desenvolvemento. Hai poucas semanas, 80% dos 168 millóns de persoas que residen en Bangladesh sufriron un corte masivo de electricidade, incluíndo a capital, Dacca, e as grandes cidades. O motivo foi unha caída  do sistema eléctrico provocado por unha demanda moi superior a produción, afectada por unha suba de prezos que levou o Goberno a suspender o traballo en varias empresas de xeración para tratar de controlar os custos das compras de gas natural.

O medio económico Bloomberg destaca que a “UE está a exportar a súa crise enerxética”, nun movemento que “está a resultar moi doloroso para as economías emerxentes de Asia”, facendo fincapé en que “a estratexia de supervivencia” de Bruxelas pasa por “superar Asia no que se refire ás compras de gas natural”, o que está a “inflar de forma drástica os prezos e as tarifas dos petroleiros”.

En Bangladesh, 75% da enerxía consumida procede do gas natural importado, sendo este corte de electricidade a última das múltiples interrupcións que sufriron ao longo deste ano.

Nunha situación semellante están Paquistán, xa afectado polos reiterados monzóns que paralizaron a súa economía, India ou Filipinas, que apostou polo gas natural para reducir a súa dependencia do carbón.

En Paquistán, unha licitación para adquirir gas natural licuado durante seis anos ficou deserta, mentres os vendedores recoñecen que até 2026 hai pouca subministración de gas natural dispoñíbel.

A pesar de que estes países están máis perto dos lugares de extracción non poden asumir os prezos que está a pagar a UE, nun efecto semellante ao das vacinas contra a Covid-19, que non chegaron aos lugares de menos ingresos até meses despois, ao acaparar en primeiro lugar a UE e os Estados Unidos doses para toda a súa poboación pola súa capacidade de comprar a un prezo maior.

Revenda de materias primas

Ademais, as sancións da UE en contra do petróleo ruso transportado por mar por medio dun tope de prezo -que na práctica supón acabar coas compras directas- que queren estender ao gas natural, suporá un novo aumento de prezo destas materias primas, pois acabarán sendo revendidas desde os Estados que teñen acordos preferentes con Moscova.

En todo caso, o acaparamento de gas non está evitando a fuga de empresas da UE, como a alemá BASF, que anunciou o traslado de parte da súa produción á China.

Os EUA benefícianse da redución das compras a Rusia

Aínda coas sancións aplicadas a Rusia por parte da UE no marco da guerra en Ucraína, isto non implica que haxa lugares onde aumentaron as compras de gas natural a Rusia, como é o caso do Estado español, líder mundial en compras de gas natural licuado a Moscova após a baixada das adquisicións a Alxer. Así e todo, o maior beneficiado da situación actual son os Estados Unidos (EUA), que se converteron no principal provedor de gas natural do bloque comunitario.

Nese sentido, o ministro de Economía francés, Bruno Le Maire, sostivo no lexislativo que “a guerra en Ucraína non debe resultar nunha dominación económica dos EUA e nunha UE debilitada”, criticando que o seu “socio estadounidense” venda á Bruxelas o gas natural licuado catro veces máis caro do prezo ao que llo vende ás súas industrias.

Comentarios