Máis de 8 millóns de votos para poñer en andamento a Asemblea Nacional Constituínte de Venezuela

Nicolás Maduro fala de xornada “histórica” e a oposición négase a recoñecer os resultados. Estados Unidos, España, Arxentina, Colombia ou Brasil negan lexitimidade ao proceso electoral que decorreu en Venezuela este domingo.

venezuela
photo_camera Imaxe: Telesur

Máis de oito millóns de persoas tomaron parte este domingo en Venezuela nas eleccións convocadas para elixir 537 dos 545 deputados da Asemblea Nacional Constituínte (ANC), que terán como encomenda principal unha reforma constitucional que deberá ser ratificada por votación popular. Os oito deputados restantes corresponden ao sector dos pobos indíxenas, que escollerán estes os seus representantes na ANC o vindeiro 1 de agosto. O número de persoas que podían exercer o voto neste proceso abeiraban os 19 millóns, polo que a participación estivo en 41,5%. As persoas que votaron este domingo na Constituínte son medio millón máis das que votaron por Maduro nos comicios de 2013. E un millón máis de persoas das que a oposición afirmou que participaron no seu 'plebiscito' do pasado 16 de xullo.

Desde o Consello nacional electoral (CNE), a máxima autoridade constitucional no que atinxe a procesos electorais, indicaron que foron 14.500 os centros de votación disponibilizados ao longo de Venezuela para este proceso, que foi boicoteado pola oposición. As autoridades informaron que máis de 200 centos de votación foron “asediados” para intentar evitar que se votase e que foron atacados 21 funcionarios. Mais os feitos máis graves traducíronse en mortos, 10 segundo a Fiscalía. Entre eles, un candidato á ANC, asasinado a tiros na súa casa.

Estados Unidos xa anunciou medidas "contundentes" contra os integrantes da ANC

Para o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, o domingo foi unha “xornada histórica” e afirmou que estabamos perante “a votación máis grande que sacou a Revolución en toda a súa historia electoral”. Maduro indica que os millóns de votos mostran que a ANC “nace cunha poderosa lexitimidade popular”. Non o ve así a oposición, que non recoñece este proceso electoral e di que a participación foi moito menor da que informou o CNE. Na mesma liña, estados como Colombia, Arxentina ou EUA criticaron as eleccións constituíntes e non recoñecen a súa lexitimidade.

O ministro de Educación, Ernesto Villegas, afirmou que a ANC vai abrir un diálogo “político” para intentar poñer fin ao ciclo de violencia que se vive desde o pasado mes de abril en Venezuela.

A constitucionalista María Alejandra Díaz, consultada por TeleSur, destaca que estes comicios mostran o carácter democrático do estado venezolano: “Ningunha ditadura convoca o pobo para que tome nas súas mans o poder constituínte orixinario e refunde o Estado”. O avogado constitucionalista Hermann Escarné declara, no mesmo medio, que a ANC non vai elaborar unha nova constitución senón que procura unha modificación do estado e o ordenamento xurídico, “basicamente é engadir os programas sociais, conquistas sociais...”. A Asemblea, reitera, ao igual que a de 1999, non vai disolver os poderes existentes senón que coexiste con eles.

Comentarios