O obxectivo xa é derrubar Macron

Máis de 300 persoas detidas nunha nova mobilización dos "coletes amarelos"

A policía usa gases lacrimóxenos contra unha marcha dos "coletes marelos" en dirección ao Eliseo. A retirada da suba das taxas sobre os carburantes anunciada esta semana por Macron non conseguiu desativar un movimento que xa ten como obxectivo derrubar o presidente da República.

gilete jaune

Un movimento cidadán sumamente heteroxéneo e sen paternidade política clara está a colocar Emmanuel Macron contra as cordas. O antigo ministro de Economía de François Hollande, que chegou ao Eliseo a surfear a onda da nova política contra o vello establishment partidario, está baixo mínimos nos inquéritos de popularidade, após implementar políticas de claro contido neo-liberal e contrarias ás maiorías sociais do país.

O detonante foi a protesta contra a suba dos impostos que gravan os combustíbeis. A faísca prendeu basicamente na Francia rural, mais o movimento rapidamente alastrou até chegar ás cidades. A pequena burguesía e as clases traballadoras ven con insatisfacción un presidente que se percibe como un servidor dos intereses da oligarquía. Aquel que viña rexenerar a vida política francesa, e que virtualmente varreu os partidos tradicionais, atópase agora nunha situación politicamente moi apurada, nun país moi afeito aos estouridos sociais contra as elites, e poucos meses despois de se celebrar o 50 aniversario do maio francés.

Este sábado, unha nova marcha dos "coletes amarelos", aínda en desenvolvimento cando rediximos esta información, voltou a ser duramente reprimida pola policía. Hai disparidade de cifras, segundo os medios destacados sobre o terreno, mais a cifra das persoas detidas supera os 300. É moi dubidoso que a vía represiva sirva a Macron para manexar este levantamento popular, cuxas demandas básicas non se esgotaban coa retirada do imposto sobre os carburantes. Con efeito, os gilets jaunes piden, entre outras cousas, situar a idade de xubilación nos 60 anos (nos 55 para os traballos fisicamente penosos), que ningunha pensión pública estea por debaixo de 1.200 euros e a protección da industria francesa, con prohibición expresa das deslocalizacións.

Comentarios